DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Anna Amorós exercerá de directora comisaria ata o período de eleccións, convocadas para decembro

Os profesores de Comunicación Audiovisual e Publicidade contan xa con departamento propio, o primeiro de Galicia

De recente creación, congrega un total de 33 docentes e ten a súa sede no campus de Pontevedra

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijoo DUVI 29/09/2011

A Universidade de Vigo conta cun novo departamento na área xurídico-social, o X14-Comunicación Audiovisual e Publicidade, converténdose no primeiro en Galicia específico da materia. “Este departamento é o único das universidades galegas coa denominación de comunicación audiovisual e publicidade, xa que o da Universidade de Santiago recibe o nome de Ciencias da Comunicación e inclúe as áreas de xornalismo e de comunicación audiovisual e o de A Coruña atópase integrado no departamento de Humanidades”, aclara a profesora Anna Amorós, directora comisaria do mesmo.

O aumento do número de profesores especializados en Publicidade e Comunicación Audiovisual facilitou a súa segregación do departamento de Dereito Público Especial, do que formaba parte como área de coñecemento. De recente creación, este novo departamento específico fai posible “a equiparación na denominación coa dos departamentos das principais universidades españolas onde se imparten estudos en ciencias da comunicación", o que significa "a madurez da institución universitaria, que medra, que se fai grande e que se consolida”. Para as titulacións de Comunicación Audiovisual e de Publicidade e Relacións Públicas este cambio supón unha maior especialización e autonomía nas áreas de traballo, “ademais dun maior recoñecemento universitario e administrativo", engade a profesora.

Eleccións, en decembro

Anna Amorós, por ser a profesora titular máis antiga da área de coñecemento de Comunicación Audiovisual e Publicidade, foi nomeada directora comisaria, “un cargo que xurde cando se crea algo de novo para poñelo en funcionamento. Trátase dunha figura na que delega o reitor por procedemento administrativo”. Unha das súas principais funcións, ademais de facerse cargo de todos os trámites de xestión para a súa constitución, é a de convocar eleccións, “previstas para principios de decembro, nas que se escollerá un director electo”. Amorós comparte responsabilidade coa secretaria do departamento, Silvia García Mirón, “dúas profesoras que representamos ás dúas titulacións e tamén a dúas xeracións distintas, conseguindo que todas as visións teñan cabida”.

Nestes momentos o departamento conta cun total de 33 profesores adscritos, “cunha ampla presenza de doutores contratados, aínda que polas propias características das titulacións impartidas a maioría son profesores asociados, profesionais vinculados ao sector publicitario e audiovisual de Galicia”, aclara a directora comisaria. A sede e posto administrativo do departamento situouse no campus de Pontevedra, “algo lóxico porque todo o PDI ten posto laboral na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación”.

Con tres grandes áreas de coñecemento, comunicación audiovisual, publicidade e relacións públicas e protocolo, Anna Amorós, como directora comisaria, quere aclarar que aínda que o departamento xa está administrativamente creado, “é como un bebé que hai que arroupar traballando todos xuntos e en equipo por el”, conclúe.