DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores coñecerán as posibilidades do uso do e-portfolio no proceso de ensino

No marco do Programa de formación permanente do profesorado

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 21/04/2009

No marco do EEES as novas tecnoloxías da información e da comunicación son unha ferramenta importante para o novo modelo de docencia pero tamén para formar aos estudantes nas competencias das TIC.
O e-portfolio é unha destas novas ferramentas que se revela básica como apoio na docencia virtual, xa que é de grande utilidade para avaliar e titorizar ao alumno de forma integral, tendo en conta a traxectoria do seu proceso de aprendizaxe. Para achegar aos docentes ao seu uso, a vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa organiza un curso sobre o deseño tecno-pedagóxico dun e-portfolio, dentro do Programa de Formación permanente do profesorado.
Impartido polo profesor do Departamento de Estatística Vicente Novegil, a matrícula permanecerá aberta ata o vindeiro 27 de abril, día antes do comezo das clases. A primeira parte do curso centrarase en dotar aos docentes dos coñecementos técnicos necesarios para crear o seu propio e-portfolio, mentres que nun segundo módulo trataranse aspectos como o establecemento das competencias que o estudante debe acadar, as estratexias de avaliación, a creación de rúbricas e as evidencias a desenvolver polo alumno.

24 horas e 20 prazas

Ao longo das 24 horas lectivas que durará o curso, os asistentes poderá aprender a empregar, deseñar e valorar o uso dun e-portfolio no proceso de ensino-aprendizaxe, para afrontar así os novos roles que implica a adaptación ao EEES. A finalidade é que os profesores adquiran unha competencias técnicas e metodolóxicas na creación e utilización desta ferramenta como soporte dunha materia virtual.
En total ofrécense 20 prazas que se cubrirán por rigorosa orde de preinscrición. A docencia comezará o 28 de abril e rematará o 4 de xuño, desenvolvéndose as clases de 15.30 a 17.30 horas.

O e-portfolio

O e-portfolio é unha ferramenta que dende hai tempo se emprega no mundo da empresa e da arte para presentar o traballo e os méritos dunha persoa pero co uso das novas tecnoloxías estase incorporando ao proceso de ensino e aprendizaxe. Con todo, no mundo da docencia, o e-portfolio adquire dous matices a maiores, que son a reflexión e a retroalimentación.
Todo isto fai que unha das características máis destacables do e-portfolio sexa a súa capacidade para recoller a traxectoria de traballo do alumno e permitir que o profesor a teña en conta, ademais de lograr unha maior implicación por parte do estudante e isto é precisamente o que require o Espazo Europeo de Educación Superior.