DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os profesores noveis aprenderán a ser bos docentes nun curso de formación

Comezou este xoves coa intervención do vicerreitor Pedro Membiela

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 13/11/2008

Que non hai mellor forma de aprender que ensinar é xa case unha verdade universal, pero para saber ensinar tamén é necesario formarse “pois coma en todo non se nace aprendido”, así llo indicou, Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, aos participantes do curso de Iniciación á Formación para a Docencia Universitaria que se iniciou este xoves nas aulas do Edificio Miralles.
Orientado a aqueles profesores con reducida ou ningunha experiencia previa de ensino, con esta actividade a Universidade pretende crear uns bos alicerces pedagóxicos para facer deles bos profesionais, tanto no ámbito investigador como docente.


Un programa para coñecer as claves da profesión

Os matriculados no curso van recibir un total de 50 horas de formación, distribuídas en tres grandes bloques temáticos: inmersión na Universidade de Vigo, experiencias educativas no marco do EEES e actividades, métodos e recursos didácticos.
O primeiro dos bloques son 12 horas dedicadas integramente a coñecer os diferentes servizos que a Universidade pon ao seu dispor, dende a Vicerreitoría de Organización Académica e Profesorado, que lles presentará o vicerreitor, Antonio García Pino, ata a investigación, os servizos informáticos, os temas de calidade ou a biblioteca.
Estes novos docentes desenvolverán a súa labor nun contexto marcado pola implantación do EEES e a el se lle dedican as dez horas do segundo bloque temático do curso, no que se tratará de polos ao día sobre os créditos ECTS, a elaboración das guías docentes e os cambios normativos que supón, entre outras cuestións.
O punto forte do programa é o terceiro módulo, 28 horas de temas exclusivamente de didáctica, “é unha especie de panorámica dos distintos aspectos que teñen importancia para o docencia”, subliñaba o vicerreitor. Nel os asistentes terán a oportunidade de coñecer de primeira man a experiencia de docentes que levan anos na profesión.

30 participantes de todos os ámbitos

Economía, Enxeñaría Química, Minas, Tradución, Ciencias da Educación Física e do Deporte, Bioloxía... son algunhas das titulacións nas que están ou van dar clase os novos docentes.
Algúns teñen xa algunha experiencia coma docentes universitarios, para outros, será a primeira vez. É o caso de Inés Táboas, que dará clase no segundo cuadrimestre na Facultade de Ciencias da Educación. “O que máis medo me dá é saber transmitir os coñecementos aos meus alumnos e, sobre todo, lograr que teñan capacidade crítica”, comenta.
Outra das alumnas, Sabela Cebro, leva xa varios anos dando clases en academias e ten algunha experiencia na Universidade, “encántame ensinar pero sempre che dá respecto o tipo de alumnos que te vas atopar”.
Montse Pérez, de Bioloxía, ten xa tamén algunha experiencia dando clases, sobre todo prácticas, na súa opinión “o máis doado é dar clase para os alumnos que teñen ganas de aprender, o difícil e conseguir enganchar aos máis reticentes”. Contar historias que chamen a súa atención ou empregar trucos, son algunhas das técnicas que xa empregou e que sabe que funcionan, “e dou clases de Xenética, unhas das materias consideradas como duras, así que teño que apañarmas para intentar que lle perdan o medo”

Máis información.