DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do ciclo de conferencias sobre a Situación actual e futuro da docencia universitaria

Os profesores reflexionan sobre a avaliación como proceso de aprendizaxe e comprensión

O catedrático Miguel Ángel Santos recoñeceu a responsabilidade dos docentes no fracaso dos seus alum

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 04/12/2009

"Unha vez pedinlle axuda a un profesor para a súa materia. Díxome que tería que deixala e elixir outra. Pero o problema é que esa materia é obrigatoria”. Así, con exemplos e experiencias persoais de alumnos e tamén de profesores, Miguel Ángel Santos Guerra, catedrático de Didáctica e Organización Escolar da Universidade de Málaga, fixo un percorrido polo panorama actual da avaliación no sistema educativo deixando ver aos docentes a importancia de que “avaliar é aprender”.
Santos, dentro do ciclo de conferencias sobre a Situación actual e futuro da docencia universitaria, incidiu na importancia do proceso avaliador, que marca ao estudante pero tamén amosa como é o profesor. “Animo a todos aqueles que se sintan desanimados por profesores que lles din isto non é para ti, a que levanten o dedo corazón, a que loiten e demostren que se equivocan”. O catedrático comezou a súa intervención, cargada de humor, experiencias reais e metáforas, cunha referencia ao libro de Ken Bain O que fan os mellores profesores universitarios. Neste publicación o autor explica que cando un docente comeza unha nova experiencia educativa é “como se un amigo invitase aos seus amigos a cear e non como se un alguacil sentase no banco a un acusado”. Sobre isto, Santos reflexionou sobre o papel do profesor e do seu labor, “o que non asista a cea perde unha experiencia pero o que non está no banco, líbrase. Que queremos que pensen os nosos estudantes?”.

Avaliación: aprendizaxe e comprensión

Miguel Ángel Santos debuxou unha realidade, que moitas veces non se quere ver, do que realmente pasa coas avaliacións e do papel tanto de alumnos como de profesores no fracaso. Loando o traballo que realizan as universidades decantouse por un lema propio, “que a universidade sexa mellor porque eu estou traballando nela” sen deixarse caer no conformismo e nas rutinas. Fronte á demonización dunha xeración de mozos despreocupados, desinteresados e desanimados, ademais de mal formados, o catedrático recoñeceu boa parte de culpa no sistema educativo, tanto dos docentes como das autoridades, “non debemos defendernos dicindo que non queren aprender ou que non teñen capacidade, niso temos nós tamén responsabilidade e culpa”. Así, explicou que a avaliación ten non só dimensións técnicas, senón tamén éticas e morais “e non pode ser un sistema onde sexa igual para todos, senón con oportunidades para todos” e puxo como exemplo unha carreira, coas mesma regras para todos os competidores, aínda que uns saían cunha bola de ferro atada ao nocello. “Temos que ter en conta o esforzo, educar e avaliar é comprender, e debemos axudalos a sobrepoñerse ao desalento educativo” que, como explicou, moitas veces é responsabilidade dos docentes. Neste senso, referiuse ás profecías de autocumprimento. Ante frases como “tes moita forza de vontade pero... isto non é o teu” que anima ao alumno a abandonar o mundo académico, probablemente acabe tento razón o docente, se o comentario negativo “calla no estudante e cree que non ten capacidade e isto non podemos permitilo”. Deste xeito Santos asume que o profesorado non pode lamentarse polos malos estudantes que teñen, “asistín a numerosas sesións de avaliación nas que os profesores atribúen o fracaso a causas exclusivamente centradas nos alumnos como que son vagos, son torpes, non saben estudar, ven demasiada televisión, forman un mal grupo... Cando son todos factores alleos, como se vai mellorar a práctica profesional, a metodoloxía de ensino, o modo de avaliar...?”

Outros condicionantes

O catedrático da Universidade de Málaga non quixo deixar atrás outros factores que inflúen no proceso avaliador, como o contexto, e destacou tamén que a avaliación “permite poñer sobre o tapete todas as nosas concepcións e principios sobre o ensino, que se debería centrar en axudar a que o outro aprenda” e lembrou que a palabra autoridade etimoloxicamente significa “facer crecer”.
Por outra banda, remarcou a importancia do contexto e apuntou que “é moi difícil nadar contracorrente, nunha sociedade neoliberal que contradí os principios da ensinanza” cun individualismo exacerbado, unha competitividade extrema e unha obsesión polo eficacia que se traduce na importancia dos rankings e nas comparacións. Neste caldo de cultivo a avaliación, puntualizou, “condiciona o propio proceso de aprendizaxe, porque todo o mundo quere ter éxito e os rapaces aprenden moi cedo a facer trampas e coller atallos” para aprobar, sen importar aprender.
Fronte a isto, Miguel Ángel Santos reivindicou a disposición emocional á aprendizaxe, a motivación, as dinámicas de participación ou a coordinación entre profesores e reafirmouse na elección da súa profesión “a máis apaixonante, arriscada e con máis responsabilidade que se lle ten encomendado ao ser humano en toda a historia”.