DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Miguel Anxo Fernández Lores e Telmo Martín atenderon á comunidade universitaria

Os programas electorais preocúpanse polas necesidades do campus

As infraestruturas, no centro das propostas do BNG e do PP

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Bea Feijoo DUVI 18/05/2011

Semella que a educación preocupa aos candidatos á alcaldía do concello de Pontevedra. Tanto Miguel Anxo Fernández Lores, candidato do BNG, como Telmo Martín, do PP, visitaron o campus para compartir coa comunidade universitaria as súas achegas en materia de educación, sobre todo as propostas de futuro e de colaboración coa Universidade e, por extensión, co campus pontevedrés. Os dous avogan por unha ampliación de espazos e infraestruturas: mentres que Lores recorre ao Polígono das Gándaras, Martín defende a construción dun campus da Innovación na zona de O Burgo.

O candidato do BNG sinalou que “a formación é unha cuestión clave de futuro” e, “aínda que o importante está nas persoas, queremos potenciar unha ampliación de espazos universitarios destinando no próximo planeamento unha zona de 130.000 metros cadrados no Polígono de A Gándara, próximo ao campus actual”. Así mesmo, a consolidación de Esdemga, Estudos de Deseño e Moda de Galiza, como titulación oficial e a potenciación de posgraos no eido da arte, da saúde e do deporte, tamén foron cuestións que Lores destacou na súa visita.

Pola súa banda Telmo Martín acudiu ao campus pontevedrés o pasado martes cun discurso moi centrado en fomentar as relacións entre as empresas e a Universidade coa creación dun campus da Innovación na zona de O Burgo, que incluirá unha Escola de Comercio e outra de Xestión Pública, que segundo o alcaldable traducirase na xeración de 500 empregos directos.