DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As expertas Gloria Soneira e Iria Vázquez falaron da igualdade e desigualdade de xénero nas novas te

Os programas de ordenador teñen raíces femininas

Sen embargo, na actualidade este sector laboral está totalmente ‘masculinizado’

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Bea Feijoo DUVI 03/11/2011
A informática naceu na segunda metade do século XX a cargo de enxeñeiros militares “que deixaron en mans femininas a programación dos primeiros ordenadores por consideralo un procedemento aburrido e de oficina”. Con este exemplo, a experta Gloria Soneira, nova convidada ao ciclo de conferencias Introdución da perspectiva de xénero en áreas de coñecemento organizado pola Unidade de Igualdade da man da profesora Mari Lires, puxo de relevancia o importante papel que xogaron as mulleres na aparición das novas tecnoloxías. Tamén interveu a socióloga Iria Vázquez para achegar unha perspectiva máis actual da situación da muller neste sector sinalando que “tres de cada catro postos laborais relacionados coa tecnoloxía están en mans masculinas”.

Gloria Soneira, experta en ciencia, tecnoloxía e xénero, explicou ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte que na actualidade a humanidade dispón de programas informáticos grazas ás mentes femininas máis brillantes de Estados Unidos da segunda metade de século, “que foron quen de aprender a lóxica de aplicación dos ordenadores e mellorar a súa operatividade”. Sen embargo, o mérito “a estes xenios da programación” non se recoñeceu ata o ano 1997 grazas á proliferación dos estudos feministas. Sinalou que a lista de mulleres matemáticas da historia “é inacabable, sen embargo non son coñecidas”. Unha das causas é a falta de visibilidade, “pois moitas das matemáticas e científicas dos séculos XVI, XVII e XVIII traballaron agochadas e todos os seus proxectos ían asinados polos seus maridos ou polos seus pais”, engadiu Soneira.

Diferenzas ante o ordenador

Pola súa banda, a socióloga Iria Vázquez centrouse na situación actual da muller fronte ás novas tecnoloxías e destacou que a principal fenda entre homes e mulleres reside no mundo laboral, “pois a maioría de informáticos, enxeñeiros de telecomunicacións... son homes”. Entre as causas, Vázquez sinalou os estereotipos de xénero, a existencia dun ambiente hostil “no que as mulleres quedan relegadas a postos menores e cobrando moito menos” e, por último, a dispoñibilidade de tempo para aprender. “As novas tecnoloxías requiren moitas horas de dedicación, algo do que a muller non dispón porque segue a responsabilizarse da maioría das tarefas do fogar”, aclarou a socióloga.

No tocante ao acceso ás novas tecnoloxías sinalou que non se dan moitas diferenzas de xénero, aínda que, cando se trata dun uso máis complexo, “empézanse a ver distincións, sobre todo en idades por riba dos 45”, concluíu Vázquez.