DUVI

Diario da Universidade de Vigo

En países como Dinamarca ou Alemaña os propietarios reciben un 10% da facturación

Os propietarios dos terreos eólicos reivindican no campus o modelo de xestión danés

Expertos de distintos campos analizan nun curso de verán o desenvolvemento da enerxía eólica en Gali

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 20/07/2011
A orixe da moderna enerxía eólica está moi ligada a Dinamarca que, con Alemaña, son os países situados na vangarda da tecnoloxía no campo da enerxía eólica “e alí, ao contrario que aquí, hai un alto grao de compromiso cos propietarios das terras, que reciben un 10% da facturación anual”, subliñou José Antonio Diéguez, responsable da Asociación Ventonoso, que hoxe participou no curso Enerxía Eólica en Galicia: o seu impacto no mundo rural, unha actividade organizada polo grupo de investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía e que reúne na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais a máis de 80 participantes, entre os que se atopan propietarios do medio rural, asociacións, colectivos sociais con intereses na defensa do medio rural e público en xeral.

Diéguez compartiu mesa redonda con José Luis Corral, da Asociación Terra Eólica, e xuntos foron os encargados de achegar o punto de vista dos propietarios “os grandes prexudicados no proceso de implantación da enerxía eólica en Galicia”, como deixaron sentir en distintas ocasións. Para o responsable de Ventonoso, o desenvolvemento do negocio eólico en Dinamarca, igual ca en Alemaña, goza do beneplácito dos propietarios e da sociedade en xeral, xa que alí os donos dos terreos asócianse en cooperativas que son as encargadas de desenvolver os proxectos eólicos.

E se resultamos prexudicados se nos comparamos co resto de Europa, “non saímos mellor parados se miramos cara o resto de España”, engadiu Corral, que subliñou que “en Galicia estamos moi por debaixo do 30% dos resultados que obtiveron os propietarios doutras comunidades autónomas”, subliñou nunha intervención na que insistiu en que “ata a actualidade non se obtivo nin sequera un tercio do que se podería ter conseguido”.

Centros de día e labores de extinción, exemplos de actividades posibles

A construción de centros de día, de pequenos xeriátricos, a compra de equipamentos mecánicos para a limpeza dos montes, a contratación de brigadas de extinción... son só algún dos exemplos que achegaron os representantes dos propietarios como posibles actividades nas que deberían repercutir as rendas eólicas en comunidades de montes.

Aludindo ao alto grao de envellecemento da poboación rural galega, dende Ventonoso destacaron que, aínda que as rendas eólicas non desen para tanto poderían negociarse convenios que fixesen posibles obras de calado social, “aproveitando incluso casas abandonadas da zona, rehabilitalas e adaptalas ás necesidades locais antes descritas”, subliñou.

Outra idea sería, segundo salientaron na mesa redonda, a compra de equipamentos mecánicos como desbrozadoras, retroexcavadoras ou outras de aplicación practica para a comunidade, “crearían postos de traballo ben na limpeza de vías, malezas en zoa de seguridad das aldeas ou outras necesidades”, sinalaron, ao tempo que incidiron nos beneficios que xeraría a nivel de prevención de incendios forestais.

O caso da Serra do Galiñeiro

O curso continuará ata mañá xoves, unha xornada na que terán especial protagonismo os proxectos eólicos na Serra do Galiñeiro e na Serra da Groba, así como diferentes iniciativas dinamizadoras relacionadas coa enerxía eólica, coa presenza de representantes de comunidades de montes de Arbo, A Capela, Lalín, Carnota e Mondoñedo, para rematar, xa pola tarde, cunha visita de campo a Serra do Galiñeiro e á Serra de Groba.