DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Facultade de Química despídese o seu Ano Internacional

Os químicos reivindican o seu papel no deseño de novos medicamentos

O centro entregou os premios do concurso de fotografía e audiovisual

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
M. Del Río DUVI 17/11/2011

Un terzo dos adolescentes ingleses confunden a Marie Curie con Mariah Carey. Este dato, resultado dunha enquisa realizada en Gran Bretaña, é un bo indicador do descoñecemento que a sociedade ten da química, unha disciplina maltratada e cunha imaxe incluso negativa, en moitos casos. Para loitar contra esta tendencia, o 2011 foi declarado Ano Internacional da Química, abrindo as portas desta disciplina á sociedade e amosando as súas contribucións en moitos aspectos da vida, como a alimentación, a saúde, os novos materiais, porque “a química rodéanos, é a vida e o futuro”, en palabras da química e vicerreitora de Investigación, Asunción Longo.

Este xoves baixouse o pano do programa de actividades que a Facultade de Química organizou con motivo deste Ano Internacional e fíxoo abordando un dos eidos nos que os químicos teñen máis presenza, pero posiblemente menos recoñecemento, o da medicina. O encargado de reflexionar sobre o tema foi o catedrático Ángel Rodríguez de Lera, que animou aos seus compañeiros de profesión a “reivindicar o noso papel, porque en boa parte foi culpa nosa que outros se apropiasen dos nosos méritos”, afirmación que compartiu coa decana do centro, Soledad García.

Dignidade tras a humildade

Pero tras toda unha historia de curas de humildade, a química demanda dignidade e recoñecemento, entre outros ámbitos, no da medicina e farmacoloxía. Para evidenciar o seu papel na creación e desenvolvemento de medicinas, Rodríguez de Lera fixo un repaso polas achegas da Química Orgánica ou Química Médica, á farmacoloxía. Os químicos, explicou, “son os responsables de crear, deseñar ou descubrir novas moléculas que teñen as propiedades de curar, interromper ou impedir certas enfermidades ou síntomas; coa axuda de biólogos e bioquímicos, o equipo identifica os fármacos máis activos, máis eficaces e máis inocuos que poidan atacar a orixe da enfermidade”.

O investigador fixo un repaso da evolución dos medicamentos dende a medicina tradicional ata os novos fármacos específicos (balas máxicas) de determinadas enfermidades, en particular do cancro. Analizou tamén a contribución dos químicos para loitar contra as grandes pandemias da historia, dende a Morte Negra ata a “inxustamente denominada gripe española”, pasando pola sífilis, a tuberculose e a SIDA. Neste sentido salientou que coa irrupción da síntese orgánica e o concepto da molécula no século XIX comezou unha revolución na química que mudou profundamente a ciencia e, polo tanto, o mundo.

O investigador do Departamento de Química Orgánica lembrou a moitos dos grandes químicos que foron artífices de avances médicos e farmacéuticos, dende Paul Ehrlich, considerado precursor da farmacoloxía; ata Joseph Lister, que comezou a empregar o fenol; Alexander Fleming, descubridor da penicilina e repasando o papel dos químicos orgánicos que foron quen de desenvolver a farmacoloxía ata o punto no que se atopa na actualidade.

Con todo, De Lera destacou que “existe un enorme abismo” entre países no que se refire á farmacoloxía e a resposta ao interrogante do titulo do seu relatorio ¿Medicinas para todos? é non. E é non porque a metade da poboación mundial vive con menos de 2 euros ao día e non pode acceder a medicamentos. Subliñou que o 90% da inversión en I+D do mundo soluciona os problemas de saúde de tan só o 10% da poboación, mentres outros moitos morren de enfermidades tratables. Un bo exemplo disto é a lista de medicamentos máis vendidos no planeta, “que amosa en que sociedade vivimos”, e que son, por orde, tratamentos para hipercolesterolemia, arteroesclerose, antiácidos, asma e esquizofrenia. Por outra banda, fixo fincapé no alto custe do I+D e destacou que “o custe medio para desenvolver un medicamento é de 800 millóns de dólares e só un de cada 50.000 compostos ensaiados acaba comercializándose”.

Entrega de premios de fotografía e audiovisuais

No transcurso deste acto fíxose entrega tamén dos premios do I Concurso de Fotografía e Audiovisuais da Facultade de Química. A imaxe gañadora A hora do té sen química sería unha hora calquera, é obra de Inés Casarejos, estudante de doutoramento de Belas Artes, que explica que “unha acción tan pouco excepcional como tomar o té non sería posible de non existir a química, un exemplo máis de como a presenza da química na nosa vida diaria é esencial”. Aroa García, a alumna do propio centro, recolle un accésit por A química do fogar e a vida diaria, fotografía na que recolle todos aqueles produtos cotiás nos que esta ciencia está presente.