DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A redución obriga a cancelar 11 bases de datos que dan acceso a máis de 29 millóns de artigos cientí

Os recortes orzamentarios da Xunta restrinxirán en 2010 o papel do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
DUVI 29/12/2009

Estudantes e investigadores verán reducidos a partir do ano que vén os recursos científicos electrónicos aos que tiñan acceso a través do Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia. A redución en máis de 400.000 euros, un 20%, nos orzamentos que a Xunta de Galicia destinará ao Consorcio en 2010, obriga á cancelación de 11 bases de datos referenciais que dan acceso a máis de 29 millóns de artigos científicos e máis de 1700 revistas electrónicas dos diferentes ámbitos de coñecemento. Unha situación ante a que as universidades de A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, a través das súas vicerreitorías de Investigación, veñen de facer pública unha nota na que amosan o seu “desacordo e malestar” polo recorte das achegas destinadas ao financiamento destes recursos electrónicos. As institucións académicas entenden que estes recortes “representan un claro freo ao coñecemento”, sendo este, segundo recoñece a propia Xunta de Galicia, “a base para o desenvolvemento dunha economía e unha sociedade máis modernas, con maior calidade de vida e máis sostibles”.

Imprescindible ferramenta tecnolóxica

Nacida no ano 2001 froito da vontade das tres universidades galegas apoiadas pola Xunta de Galicia e contando co soporte técnico do Centro de Supercomputación de Galicia, o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia prové dun amplo abano de recursos de información e liña a máis de 60.000 usuarios entre estudantes, docentes e investigadores das tres universidades. Ademais de bases de datos ou revistas electrónicas que son esenciais na formación e desenvolvemento profesional do colectivo académico e científico das tres universidades, o Consorcio favorece a produción de novo coñecemento, desenvolvemento tecnolóxico e transferencia ao sector produtivo de Galicia.
A creación do Consorcio permitiu a consolidación, por primeira vez para todo o Sistema Universitario de Galicia, dun novo concepto de biblioteca universitaria común con recursos científicos exclusivamente electrónicos, o que constitúe o maior centro de referencia en liña de Galicia. Unha realidade que foi posible a través da achega de recursos por parte das tres universidades galegas e da Xunta de Galicia que ata o de agora se facía cargo do 40% do custe total de mantemento.

Comunicado conxunto (96 KB)