DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Javier de Lucas, presidente da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado:

"Os refuxiados pertencen a unha categoría xurídica zombie”

Impartiu un relatorio no Módulo Jean Monnet sobre Dereito da Unión Europea e Menores

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
Sara Alcázar DUVI 23/04/2010

47 millóns de persoas no 2009 víronse obrigadas a abandonar o seu país de orixe segundo reflicten os datos da Oficina de Axuda ao Refuxiado (OAR). Pero a pesar do alto índice de refuxiados que existe a nivel global, as políticas centradas no dereito de asilo van en detrimento, polo que “os refuxiados pertencen a unha categoría xurídica zombie, en vías de extinción”. Así o expresou o presidente da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) e profesor da Universitat de València, Javier de Lucas, durante o relatorio impartido este venres na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo ao abeiro do Módulo Jean Monnet sobre Dereito da Unión Europea e Menores, de Amsterdam a Lisboa. Tal e como indicou De Lucas, “o refuxio político é un fenómeno que non deixa de incrementarse, sen que as solucións xurídicas sirvan para dar resposta aos seus problemas posto que non cumpren a súa función, xa que o contexto para o que foron concibidas non é o mesmo”. Por este motivo, o presidente da CEAR fixo fincapé na necesidade de transformar a lexislación do dereito de asilo, posto que “non está á altura das esixencias actuais”. “Os motivos que levan ás persoas a abandonar os seus países de orixe son máis que hai vinte anos e de moi diversa índole, non só estritamente de persecución política” argumentou De Lucas. Para exemplificar este dato, o presidente da CEAR referiuse a casos recentes como os terremotos de Haití e Chile e ás epidemias de fame do Sahel, “situacións que tamén esixen asistencia aos refuxiados e que non responden a ideoloxías políticas”.

Inmigrantes económicos ou refuxiados?

Segundo explicou De Lucas durante a súa intervención, “o sistema de protección da Unión Europea baséase nun dogma que separa a responsabilidade xurídica dos inmigrantes e os refuxiados, ofrecéndolles dous réximes totalmente distintos en función dos motivos que os obrigan a abandonar o seu país e, deste xeito, os inmigrantes non poidan disfrazarse de refuxiados e viceversa". Estes motivos son identificados con razóns económicas no caso dos inmigrantes e políticas no dos refuxiados, unha diferenciación que o relator cualificou negativamente como “falacia”. “Este dogma sostén que os inmigrantes abandonan o seu país de orixe por libre vontade e sen persecución, como se as dificultades económicas, sociais e culturais que sofren non obedecesen a circunstancias de caracter político ou fosen de caracter natural” argumentou. Por este motivo, o presidente da CEAR manifestou a necesidade de que as políticas de protección contemplen os mesmos dereitos para inmigrantes e refuxiados xa que “a fronteira entre ambos desaparece, posto que as circunstancias de emigración duns e outros non dan opción a quedarse nos seus países de orixe” comentou.

A situación do asilo nos países ricos

“Os países de acollida non se corresponden sempre cos estados ricos” afirmou o relator, para a continuación sinalar a “pouco homoxénea” distribución dos refuxiados na xeografía global. Irán, Alemaña e Paquistán son as tres nacións que encabezan a lista de países de acollida “nos que o PIB é absolutamente distinto, e amosa que os refuxiados non gobían a occidente” apuntou De Lucas. Con estas cifras, o obxectivo do presidente da CEAR é a de “afastar os tópicos que corren na opinión pública sobre a presión demográfica que exercen os refuxiados sobre o primeiro mundo, ameazando ás portas de Europa ou Estados Unidos”.
No caso de España, fixo fincapé na “escasa receptividade” de refuxiados no noso país, que recibiu 4516 solicitudes de asilo no 2008, “das que só 151 foron admitidas, o que significa un insignificante 3%” apuntou o presidente da CEAR, que tamén incidiu na tendencia a baixa das solicitudes de asilo en España debido ás escasas posibilidades que teñen de ser admitidas a trámite. Segundo De Lucas, os países europeos escusan o seu comportamento “centrado en dificultar o acceso e o procedemento das solicitudes” á hora de acoller aos refuxiados, “baseándose en que supón un elevado custo en políticas sociais que non poden asumirse en tempos de crise”.