DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Xunta negociará co Goberno a aplicación do decreto para que o aumento dos prezos sexa o mínimo

Os reitores confían en que o incremento das taxas nas universidades sexa pouco máis do IPC

Trasladáronlle ao conselleiro de Educación o seu rexeitamento aos plans do executivo central

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 02/05/2012

Os reitores das universidades galegas trasladáronlle hoxe ao conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, o seu rexeitamento ao Real Decreto de medidas urxentes de racionalización no sistema educativo do Goberno que contempla incrementos nos prezos públicos nas universidades e que os reitores galegos demandan que sexan mínimos e que se axusten ao nivel de vida.
“Un prezo medio para unha carreira e que en toda España as carreiras custen o mesmo, iso é unha inxustiza social intolerable, Porque? Porque onde hai máis nivel de vida pagarán menos e onde hai menos poder adquisitivo, como é o noso caso, pagarán moitísimo máis. Iso é o que se está a traballar, é parte da negociación”, sinalou Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo. Os tres reitores manifestaron trala reunión celebrada en Santiago de Compostela co conselleiro de Educación, a súa confianza en que finalmente o incremento das taxas sexa pouco máis do IPC, unha posibilidade que queda a expensas das negociacións que a Consellería manterá co Ministerio de Educación para que o incremento dos prezos públicos nas universidades galegas sexa mínimo e se axuste o cálculo do custo da carreira ao nivel de vida e ao financiamento público.

Xosé Luis Armesto, Juan Casares e Salustiano Mato, sinalaron despois da reunión co titular de Educación da Xunta que será traballo deste departamento impulsar un diálogo co Goberno para aclarar a redacción do Real Decreto de medidas urxentes racionalización no sistema educativo, a súa posible modificación e como se calcula o valor da carreira para que se axuste aos parámetros concretos de Galicia. O reitor coruñés destacou a coincidencia da Consellería con estes planteamentos e sinalou que “o xusto e razoable é calcular o custo real que ten unha carreira”. Pola súa banda o reitor da USC, Juan Casares, lembrou que o texto aínda debe validarse no Congreso e asegurou que “é un tema que esperamos e entendemos que foi un erro importante e se corrixa canto antes porque comezará a ter efectos dentro duns meses”.

Valor da matrícula en función do nivel de vida

No argumentario esgrimido en contra do Decreto os reitores lembraron que tres dos cinco grandes grupos de propostas que este contempla xa se aplicaron en Galicia, o que se reflicte de xeito claro, tanto no Plan de Financiamento do SUG, como no compromiso de sostibilidade, o decreto de Titulacións e a propia Lei de Universidades.
Así Mato lembrou que “se este decreto nace a causa do déficit e Galicia non ten problemas neste ámbito non ten sentido que as universidades apliquen medidas que non precisan”. Para o reitor da Universidade de Vigo “a loita é que o custo actual do que vale a matrícula se calcule en función dos parámetros de Galicia, do nivel de vida, e se é así estará arredor do 13 ou 14% do que vale a carreira”, de xeito o axuste sería moi pequeno, “pouco máis do IPC”. Mato non dubidou en asegurar que no caso de Galicia este é un decreto “innecesario e se nos vemos obrigados, estamos traballando na minimización do impacto”.

Erros técnicos nas medidas relativas ao profesorado

As medidas relativas ao profesorado foi outro dos apartados do Decreto do Goberno sobre os que reitores manifestaron o seu desacordo. Xosé Luis Armesto puxo de manifesto a existencia de error na publicación, como que se trata de medir a dedicación do docente en créditos ECTS, que realmente, lembrou o reitor coruñés, “miden o esforzo del estudante en conseguir un crédito que son 25 horas e non mide a dedicación do profesor”. Pola súa banda o reitor vigués rexeitou a idea de que non se queira intensificar o traballo dos docentes, pero lamentou a publicación dun decreto “que ten erros técnicos e mala redacción”.

En relación coas manifestacións do ministro de Educación sobre os cambios a introducir nos criterios para a concesión de bolsas, os reitores destacaron que esta proposta non estaba plasmada por escrito, aínda que o reitor coruñés advertiu que sería “inxusto pedir un rendemento académico superior aos beneficiarios das bolsas que ao resto”, tendo en conta o principio de igualdade de oportunidades.