DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Subliñan que entre 1997 e 2007, a produción científica española aumentou un 80%

Os reitores españois non comparten a diagnose do sistema universitario realizada polo Ministerio de Educación

O 79% dos estudantes que inician os estudos finalizan co título universitario, sendo a media na OCDE

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
DUVI 18/04/2012
A Conferencia de Reitores das Universidades Españolas rexeita a diagnose do sistema universitario nacional realizada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte. Fronte aos datos feitos públicos polo departamento que dirixe José Ignacio Wert, que debuxan unhas institucións ineficientes que precisan dunha fonda reforma, a CRUE rebate boa parte da información facilita polo executivo xa que “a análise dos datos dispoñibles, contrastados por diferentes organismos nacionais e internacionais, non permite compartir moitas das afirmacións, nin a diagnose, feita do Sistema Universitario Español”.

Os reitores destacan que existe un claro desaxuste entre recursos públicos empregados e resultados obtidos en docencia, investigación e transferencia, pero “os resultados son proporcionalmente moi superiores ao esforzo público realizado”.

Neste sentido apuntan que o 79% dos estudantes que inician os seus estudos, finalizan cun título universitario, sendo a media na OCDE do 70%. Este dato contrasta coa cifra de abandono que o Ministerio fixaba nun 30%. Atendendo á docencia, o comunicado feito público este mércores pola CRUE destaca que “nos últimos anos tense producido unha clara melloría do rendemento académico, a raíz da integración no Espazo Europeo de Educación Superior (EEES), a pesar de ter realizado a adaptación cun esforzo inversor claramente inferior ao doutros países”.

Os responsables das institucións españolas de educación superior contradín ao Ministerio de Educación e subliñan que “non é correcto relacionar a preparación dos estudantes e a eficacia da universidades coa falta de emprego, especialmente entre os mozos” e cualifican a formación académica dos estudantes de “claramente satisfactoria”.

Crecemento constante da I+D dende 1997

No tocante ao sistema de investigación e transferencia do coñecemento, a CRUE indica que entre 1997 e 2007, a produción científica española creceu un 80%, ata constituír o 3,4 % da produción científica mundial, realizándose dúas terceiras partes desta porcentaxe nas universidades. “Este esforzo converteu a España na novena potencia científica, e na oitava en publicacións por habitante, con resultados similares a Xapón”.

No tocante ao dato ofrecido polo Ministerio, que non situaba ningunha universidade española entre as 150 mellores do mundo, en relación á produción científica a CRUE sitúa unha universidade española “entre o 1% que agrupa ás mellores universidades do mundo, oito universidades dentro do 2%, 24 no 4% e todas as públicas e tres privadas, no 10%. Os reitores cualifican este resultado de “máis que notable si consideramos que España só inviste en I+D+i un 1,39% do seu PIB, moi lonxe do 2,3% que é a media da OCDE”. Neste sentido, e relacionando a produción científica por habitante coa porcentaxe de gasto en I+D+i, “resultamos ser un dos catro sistemas máis eficiente do mundo”, indican.

Os responsables universitarios lembran tamén que tras os cambios aos que foron sometidas as institucións académicas superiores para adaptarse ao EEES “o que as universidades precisan actualmente é estabilidade normativa e un financiamento acorde coas capacidades e necesidades do país”.

Comunicado da CRUE íntegro