DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Aprobaranse os estatutos da Cruno e o protocolo de gobernanza da Crusoe

Os reitores do noroeste peninsular reúnense en Vigo esta semana para fornecer as súas alianzas estratéxicas

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 11/06/2012
No mes de decembro botaron a andar dúas alianzas estratéxicas na procura de estreitar lazos entre as universidades do noroeste peninsular, e fixérono a través da constitución da Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste Europeo, Crusoe, e da Conferencia de Reitores do Noroeste de España, Cruno. Agora tócalles aos reitores comezar a establecer as bases destas alianzas, os seus estatutos e a súa organización interna e farano esta semana nunha xuntanza en Vigo.

A orde do día da xuntanza inclúe, por unha banda o debate e aprobación dos estatutos da Cruno e, por outra, no tocante á Crusoe, avanzarase no protocolo para a organización e gobernanza da rede de traballo. Ademais procederase ao nomeamento tamén do cargo de secretario xeral e executivo de ambas conferencias de reitores.

Dúas alianzas estratéxicas

A Crusoe reúne a 18 universidades e institutos politécnicos que conforman a Macrorrexión de Rexións do Sudoeste Europeo (RESOE) que agrupa a Galicia, Castela e León e a rexión Norte de Portugal. Isto tradúcese en 275.000 estudantes baixo o paraugas da que foi a primeira macrorrexión creada no territorio ibérico e da que forman parte oito universidades de Castela e León, as tres de Galicia, tres de Portugal e catro centros politécnicos liderados polo Instituto de Bragança, presididos polo reitor da Universidade de Porto, José Carlos Marques dos Santos.

A obxectivo da Crusoe é a constitución e desenvolvemento dunha rede internacional que permita aplicar de maneira efectiva as políticas universitarias en materia de proxectos de investigación e desenvolvemento, de programas de internacionalización e de desenvolvemento social, conscientes da importancia da cooperación internacional como instrumento decisivo para favorecer a cohesión rexional europea e obter un maior impacto e retorno financeiro para as organizacións universitarias.

Por outra banda, os reitores das universidades de Galicia e Castela e León conforman a a Cruno, un organismo de presentación institucional de cooperación entre as 11 universidades do noroeste peninsular que ten como obxectivo contribuír á potenciación e mellora da educación superior a través da cooperación interuniversitaria e o diálogo entre as institucións académicas e os axentes sociais. Como presidente da Cruno exerce o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato.

Primeiros pasos

Trala constitución de ambas conferencias de reitores, os seus membros acordaron delimitar as primeiras accións a desenvolver. No tocante á Crusoe, o primeiro paso é crear un marco lexislativo e desenvolver un plan estratéxico que recolla as capacidades e obxectivos das institucións académicas que será trasladado aos gobernos de España e Portugal e a diversas instancias europeas coa vista posta no programa Horizon 2020 que substituirá a partir de 2014 ao actual programa Marco de financiamento europeo. Neste sentido, o traballo céntrase en seis áreas temáticas: a auga, o sector primario, saúde, medio ambiente e enerxía, patrimonio material e inmaterial e cooperación.

Pola súa banda, a CRUNO oriéntase dun xeito máis preciso cara ao desenvolvemento de políticas universitarias en España, converténdose nun lugar común de encontro que permita levar a cabo unha postura unificada de temas de interese común para que sexan presentadas ante o Consejo de Universidades e a Conferencia de Rectores.