DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Andrés Moure e o Departamento de Enxeñaría Química traballan nesta liña

Os residuos de cultivos valorízanse como fonte de antioxidantes para alimentos e cosmética

O doutor expón o seu traballo nas xornadas 'A Química e as novas xeracións'

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 28/04/2011
Os antioxidantes son unhas moléculas que nos últimos anos están adquiriron moita popularidade por empregarse en todo tipo de produtos alimenticios e de beleza para retardar o seu envellecemento e enriquecer as súas características. O doutor Andrés Moure e o Departamento de Enxeñaría Química da Facultade de Ciencias traballan na obtención de antioxidantes de residuos de biomasa, residuos que se xeran en cultivos como os forestais ou vitivinícolas. A súa investigación valoriza algo que ata agora se considera lixo e abre novas liñas de negocio para as empresas.

Andrés Moure expuxo o traballo que realiza o seu departamento neste eido no marco das xornadas A Química e as novas xeracións, organizadas pola Facultade de Ciencias entre o 29 de marzo e o 26 de maio co gallo do Ano Internacional da Química. Durante a súa intervención, o doutor explicou como traballan para extraer antioxidantes de elementos como o bagazo que se xera nas bodegas, a cáscara da cebada que se emprega para facer cervexa ou as follas de eucalipto de terreos forestais.

Metodoloxías limpas

“O que propomos é extraer destes residuos que se van tirar antioxidantes, elementos con alto valor engadido polo seu destacado uso en industrias como a agroalimentación ou a cosmética” destaca Moure. Nestes sectores os antioxidantes son empregados para engadir novos nutrintes aos produtos ou para prolongar a súa vida útil a través de envases activos, que preservan o seu contido en boas condicións durante máis tempo.

Ademais do avance científico que supón a investigación neste eido, o doutor destaca tamén as súas implicacións económicas, polas posibilidades que representa para a industria. “As empresas que traballan con biomasa pasan de ter uns residuos que teñen que xestionar para a súa eliminación a ter unha opción de valorización e incluso de desenvolvemento dunha nova liña de produto” advirte.

Para conseguir os antioxidantes, Andrés Moure fai fincapé no feito de que no procedemento de extracción non empregan métodos convencionais, nos que se utilizaban disolventes nocivos para o medio ambiente. “Empregamos tecnoloxías limpas como a auga, un disolvente moi versátil e non contaminante” salienta.