DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A súa revalorización pode dar lugar nun futuro á creación dunha nova industria

Os residuos do viño si que valen

Segundo apuntan investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 02/03/2012
Aditivos moi utilizados na industria alimentaria como o ácido láctico ou o xilitol; deterxentes biodegradables, biosurfactantantes, empregados para a bio corrección de augas ou solos contaminados con hidrocarburos, e mesmo antioxidantes, son algúns dos compostos químicos que se poden extraer dos residuos do viño utilizando a tecnoloxía axeitada. Trátase de produtos con valor económico que ademais de reportar beneficios a quen os comercialice, minimizan os elevados custos que se derivan do cumprimento da lei que obriga a desfacerse dos residuos xerados no proceso de produción do viño. Sen embargo, na actualidade, non existe no panorama internacional ningunha empresa dedicada á obtención de compostos químicos con valor engadido a partir dos residuos procedentes da industria vitivinícola, unha carencia que se contrapón ao traballo que sobre a revalorización dos residuos do viño están a desenvolver varios grupos de investigación do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Vigo. Tal é o caso da liña de traballo liderada polo profesor José Manuel González centrada na obtención de ácido tartárico a partir das lamas xeradas na industria vitivinícola ; a coordinada pola profesora Herminia Domínguez dedicada á obtención de compostos antioxidantes a partir, por exemplo do bagazo de uva, e tamén a dirixida por Ana Belén Moldes que se ocupa da obtención de biosurfactantes utilizando como fonte de carbono os azucres extraídos dos residuos do viño.

O traballo destes grupos, xunto co desenvolvido polo Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, aparece recollido no derradeiro número de revista Waste Management que inclúe unha revisión de varios artigos publicados en revistas de alto índice de impacto. Traballos que evidencian que a produción de viño xera diferentes tipos de residuos con elevados contidos en compostos biodegradables cuxa reciclaxe e aproveitamento poden supoñer tanto beneficios económicos como medioambientais e mesmo, como apunta a investigadora do Departamento de Enxeñaría Química, Rosa Devesa, “dar lugar nun futuro á creación de novas industrias e novos procesos industriais”.

A rendibilidade de aproveitar os residuos fronte a súa eliminación

Con entre 30 e 50 millóns de hectolitros anuais de viño, España é un dos principais produtores desta bebida que no caso de Galicia tamén ocupa un papel moi destacado dentro da súa economía. Pero que ocorre cos residuos que se derivan do proceso de produción do viño? Pois, ou ben a industria se encarga de eliminalos cumprindo a Lei de Residuos 10/1998 que obriga a pagar unha taxa pola súa retirada e contempla multas que poden acadar ata os 400.000 euros, ou ben se aproveitan eses residuos para sacarlle rendibilidade. “Os residuos poden ser unha fonte de ingresos que superen aos gastos que ocasiona desfacerse deles” asegura Rosa Devesa que explica que “a partir dun mesmo residuo pódense obter varios produtos, como por exemplo do bagazo da uva é posible extraer antioxidantes e unha vez obtidos estes fraccionar os azucres do bagazo para obter xilitol, ácido láctico e biosurfactantes”.

Outra das vantaxes que se derivan do aproveitamento dos residuos do viño é a posibilidade de obter beneficios de practicamente todos estes produtos, en moitos casos descoñecidos ata para o propio sector. É o caso do ácido tartárico sintetizado quimicamente que os viticultores compran para corrixir a acidez do viño, sen decatarse que as lamas das súas adegas teñen gran cantidade desde ácido, presente de xeito natural na uva, e que pode ser extraído e engadido ao viño en vez de utilizar compostos que non son naturais.
En relación cos biosurfactantes, Rosa Devesa, destaca que a o baixo número de industrias no mundo dedicadas a súa obtención implica que o seu prezo de comercialización sexa moi elevado, “o que impide que sexan usados en aplicacións moi interesantes como a eliminación de vertidos tóxicos".

Especificidades dun proceso que abre a porta a novas industrias

Sobre a ausencia de empresas dedicadas á produción de viño que aproveiten os residuos xerados neste proceso no panorama internacional e nacional considera Rosa Devesa que “é unha pena que non exista a inversión suficiente por parte das empresas para montar este tipo de procesos na nosa comunidade autónoma e así ser pioneiros neste sentido”.
Sobre a necesidade de contar cunha tecnoloxía específica para a obtención dos produtos derivados dos residuos, a investigadora sinala que todo depende da utilidade que se lle queira dar. “Se os produtos obtidos van ser utilizados para fins médicos ou alimentarios, terán que levar máis etapas de purificación que se se van aplicar para eliminar contaminantes”,explica Devesa que sinala que na produción de biosurfactantes, fronte á utilización de microorganismos que poden resultar patóxenos, no seu grupo de investigación utilizan bacterias lácticas consideradas GRAS (Generally recognize as safe) pola American Food and Drug Admininstration, o que facilita a purificación dos mesmos.