DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Este mércores presentouse o balance da XII campaña arqueolóxica do GEAAT neste enclave

Os restos do castro de Armea afloran baixo a súa 'cibdá' romana

Tamén atoparon vestixios dunha posible fortificación medieval

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Cultura
  • Investigación
  • Investigación
DUVI Ourense 20/09/2023

O xacemento da 'cibdá' romana de Armea, en Allariz, é coñecido tamén como o “castro de Armea”, a pesar de que non se tiñan atopado nel restos castrexos. Porén, despois de máis dun década traballando neste enclave, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo conseguiu localizar este verán os primeiros vestixios do seu poboado castrexo.

Este mércores realizouse unha visita institucional ao xacemento e unha presentación dos resultados da XII campaña arqueolóxica realizada este verán no enclave, contando coa participación de Adolfo Fernández, vicedecano da Facultade de Historia do campus de Ourense, membro do GEAAT e director do proxecto arqueolóxico en Armea; Cristina Cid, alcaldesa de Allariz; María del Carmen Martínez, directora xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia; Roberto Pena, xefe de servizo da Área de Arqueoloxía da Xunta de Galicia; Ricardo Bendaña, director de área do campus de Ourense; María Teresa Barge, da Deputación de Ourense, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Gabriel Alén. A campaña foi froito dun convenio de colaboración existente entre a Universidade de Vigo e o Concello de Allariz e contou co apoio da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

“A campaña deste verán deu moi bos resultados. Despois de doce anos traballando no xacemento de Armea atopamos restos do seu antigo castro”, explica Adolfo Fernández. Na zona leste da finca da atalaia do xacemento, indica, “localizamos en niveis moi inferiores, a case tres metros de profundidade, unha casa redonda, circular, que estaba destruída polas construcións romanas posteriores”. Desa casa, detalla, “recuperamos materiais arqueolóxicos asociados e non é material romano, é un casa pre-romana e de tipo castrexo”. Polo tanto, indica o arqueólogo, “podemos dicir que atopamos ese castro de Armea que estaba baixo das construcións romanas, podemos asegurar que debaixo da cidade romana de Armea consérvase un poboado castrexo, da Idade de Ferro”.

Fortificación medieval

Non foi a localización de restos castrexos a única novidade destacada desta XII campaña, na que participou un amplo equipo do GEAAT e alumnado en prácticas. Segundo explica Adolfo Fernández, na busca destes vestixios castrexos tamén fixeron pequenas sondaxes na zona coñecida como alto dos pendóns, pois, apunta, “de existir estes restos criamos que estaría nas zonas máis elevadas”. Porén, nas sondaxes non se atoparon vestixios castrexos pero si “un pequeno castelo ou fortificación, aínda non sabemos moi ben, de época medieval”. Probablemente, apunta o arqueólogo, “estemos perante a torre que aparece no escudo da parroquia de Santa Mariña, que non se sabía moi ben de onde viña”.

Na campaña de verán tamén se avanzou na escavación da zona da atalaia. Na súa domus leste escavouse por completo o atrio central da casa, o patio interior, do que Adolfo Fernández destaca que “é espectacular, porque está todo moi ben conservado, coas columnas caídas in situ, con capiteis, as escaleiras que dan acceso ao segundo piso... É un atrio único a día de hoxe polo seu estado de conservación e que permite visualizar perfectamente como era unha casa romana”. Por último, o equipo do GEAAT salienta da campaña deste verán a localización de “cultura material” moi rica, entre a que destacan dous denarios de prata do século I antes de Cristo, “que son poucos habituais en contexto galaico”, e tamén un brazalete tipo torques, de bronce e “moi ben decorado”.

Colaboración institucional

Durante a visita ao xacemento, Cristina Cid agradecía a colaboración tanto da Xunta de Galicia coma da Deputación Provincial nun proxecto tan importante como é o de Santa Mariña. Segundo palabras da  alcaldesa en Santa Mariña de Augas Santas cómprense dous obxectivos importantes: “desenterrar o pasado para entender mellor onde estamos” e empregar o patrimonio “para dinamizar unha zona tan importante coma esta”. Do mesmo xeito, María del Carmen Martínez resaltou a importancia das actuacións como a levada a cabo en Armea e a importancia de pór en valor o patrimonio cultural dende as institucións. Pola súa banda, María Teresa Barge manifestou a satisfacción por parte da institución que representa por formar parte deste proxecto de recuperación da historia de Armea.