DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Bota a andar o ciclo "O final da Historia" coa intervención inaugural da doutora finesa Raija Kuisma

Os retos da formación no ámbito da saúde revisados a través do cinema

Proxéctase o filme "Rain Man" comentado polo director de Special Olympics, David Evangelista

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Esmeralda L. Castro DUVI 12/04/2010

A saúde non é algo exclusivo dos sanitarios, senón que nos afecta a todos. Partindo desta premisa, deu comezo hoxe na Escola Universitaria de Fisioterapia o ciclo de cinema e saúde O final da historia, coas intervencións da doutora finesa Raija Kuisma e o director de Special Olympics David Evangelista, así como a proxección do filme Rain man.
Trátase dunha actividade cultural e formativa, organizada pola profesora Berta Paz e patrocinada pola Vicerreitoría do Campus de Pontevedra, co obxectivo de amosarlle ao alumnado os múltiples coñecementos que poden tirar das experiencias de persoas doutras áreas.
O ciclo está formulado ao redor de encontros a modo de conversas de café con diferentes profesionais da educación, a xestión, o cinema, a arte contemporánea e a música, para abrir un espazo compartido de reflexión a partir do argumento de distintos filmes. Segundo Berta Paz, “pretende achegar unha ollada á realidade, para aproveitar a súa potencialidade e abrir os coñecementos ás veces estancos das titulacións”.
No acto de presentación interviñeron tamén o director da escola, Manuel Gutiérrez, e a directora da Área de Extensión Cultural e Estudantes de Pontevedra, Ana Belén Fernández Souto. Gutiérrez salientou a importancia do ciclo por ter en conta unha visión máis ampla do que é a saúde. Pola súa parte, Fernández Souto destacou a novidade da temática, nunca abordada antes nun ciclo de cinema do campus.

Os retos da formación de profesionais da saúde, segundo Raija Kuisma

A doutora en Fisioterapia Raija Kuisma foi a encargada de impartir o relatorio inaugural no único encontro do ciclo cun profesional do sector, para achegarlle tamén ao alumnado unha perspectiva especializada.
Profesora na Universidade de Brighton e presidenta da ENPHE (Rede Europea de Fisioterapia en Educación Superior), centrou a súa charla desde esta experiencia nos retos para a formación de profesionais da saúde no século XXI. Na súa opinión pasan por “ter en consideración os cambios demográficos, con poboacións máis lonxevas; introducir adaptacións nas metodoloxías docentes aos novos xeitos de aprender dos estudantes, que dominan mellor que os profesores as novas tecnoloxías; ou fomentar un proceso de aprendizaxe continuo”.
Logo de ter traballado no seu país, en Noruega, Suecia, Reino Unido, Arabia Saudí e China considera tamén fundamental ter en conta a mobilidade, tanto de estudantes e profesores, como de profesionais e pacientes. “Cada vez as concepcións do que é a saúde e a calidade de vida dependen máis da cultura, polo que un bo profesor e un bo profesional deben saber adaptarse ao novo contexto, con pacientes moi diversos”, explicou. Tamén os estudantes son agora máis heteroxéneos, polo que Kuisma cre que un bo docente debe ter en conta as diferenzas de idade, experiencias previas e expectativas de cada un deles. Por último, sinalou como un gran desafío “saber formar criticamente ao alumnado para valorar o coñecemento que tamén circula con gran mobilidade na rede”.
No relativo ao exercicio profesional da fisioterapia, quixo subliñar a importancia de divulgar a súa faceta preventiva, algo moi presente en países como Canadá e Australia, pero pouco estendido en Europa.

Convivir coa diferenza

Esta tarde proxectaranse o filme Rain man, que lle dará pé a David Evangelista a falar sobre como a sociedade percibe a discapacidade intelectual. “Todas as persoas temos habilidades fortes e carencias, polo que é importante ter unha mente aberta para aceptar a diversidade”, sinala.
Segundo Evangelista, o filme de Burry Levinson protagonizado por Dustin Hoffman é moi axeitado para falar da necesidade de cambios de actitude cara ás persoas diferentes a partir da convivencia con elas. “Ás veces determinadas actitudes non son conscientes e é necesario poñelas de manifesto para corrixilas”, explica engadindo que o mesmo que sucedeu con comportamentos racistas superados pode ser aplicable á visión da discapacidade intelectual.
O ciclo O final da historia traerá tamén esta semana ao actor Álex Angulo, que falará de cuestións como a familia, a dependencia, os soños rotos e a renuncia a partir do filme Que foi de Baby Jane?