DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O acto inaugural estivo presidido polo alcalde da cidade, Francisco Rodríguez

Os retos e perigos da educación permisiva a debate nas III Xornadas de Familia

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 28/10/2008

Os desafíos e perigos da educación permisiva na nosa sociedade son os temas no que se centran as III Xornadas de Familia que Francisco Rodríguez, alcalde de Ourense, sinalou como “un elemento clave que nos vai permitir analizar e reflexionar sobre esta realidade educativa que afecta e preocupa a toda a sociedade”. O obxectivo destas conferencias, nas que participarán principalmente psicólogos e psiquiatras, é poñer en común e debater aspectos relacionados coa familia e a escola, ademais de expoñer estratexias de apoio que permitan educar aos rapaces de xeito adecuado. As xornadas están especialmente dirixidas a pais, nais, mestres e estudantes relacionados coa educación, xa que a súa labor é moi importante no proceso socializador dos nenos.

Inauguración das xornadas

Na inauguración das xornadas o alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, estivo acompañado por Gonzalo Iglesias Sueiro, delegado de Educación e Ordenación Universitaria en Ourense e por Margarita Martín, psicóloga e concelleira de Sanidade e Servizos Sociais. Esta última destacou a importancia das xornadas desexando que “sexan un debate sobre o papel das familias e a escola como transmisores de valores sociais e como axentes de socialización, educación e de resolución de conflitos”.
Pola súa banda Iglesias Sueiro, fixo referencia a que actualmente nos atopamos, a nivel mundial, nun momento en que “a familia está sufrindo unha evolución de tal calibre que probablemente o século XIX sexa o de unha nova concepción familiar”. A sobreprotección por parte dos pais chega hoxe a tales niveis que “vense obrigados a protexer aos seus fillos de todo estímulo exterior, e iso fai que, en ocasións, a escola, os mestres e os compañeiros de clase se convertan en inimigos”, continuou o delegado. Esta educación excesivamente protectora provoca o illamento dos nenos, que medran sen aprender a relacionarse e a resolver os conflitos pola súa man, converténdose así en “tiranos das súas casas e escravos nos centros de estudio”, afirmou Iglesias Sueiro.
O delegado non quixo rematar a súa intervención sen felicitar ao alcalde e a concelleira pola realización destas xornadas, nas que se vai tratar o tema “de xeito científico, con debate e sobre todo coa participación da sociedade”.
Francisco Rodríguez, que foi o encargado de pechar o acto de inauguración, fixo fincapé en que “a educación permisiva é froito dun proceso de mudanza de conceptos pedagóxicos e dun cambio nos roles sociais”. Por iso, a sociedade ten a obriga de “ abrir os ollos ante este novo xeito de educar, tanto na familia como fóra dela, que afecta á parte máis débil do tecido social: os nenos”.
Tras o acto inaugural, o monólogo de María Gallego puxo un sorriso nos beizos dos participantes cunha crítica humorística aos modos de educación baseados na mentira e a ocultación.
O mércores 29 rematan as conferencias destas III Xornadas de Familia. Os temas da tarde serán, por unha banda, as estratexias para a prevención de situación asociais de risco e, por outro lado, o desenvolvemento do proceso de socialización de nenos e mozos. A tarde concluirá co acto de clausura e a entrega dos diplomas ás 20.30 horas.