DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado polo Igadi e o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade

Os retos que afronta a UE centrarán o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia

A cita celebrarase o 18 e 19 de setembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 21/07/2017

A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra acollerá os días 18 e 19 de setembro o II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia. Repensar Europa desde aquí. A cita, organizada polo Igadi e o Observatorio da Gobernanza G3 da Universidade de Vigo, pretende, tal e como destacan os seus organizadores, “abrir un espazo de reflexión para pensar Europa desde aquí, a partir da nosa propia experiencia, necesidades e intereses” e tendo en conta os retos que afronta na actualidade o marco comunitario.

Celso Cancela, Daniel González e Álvaro Xosé López Mira son os directores dunha iniciativa que foi presentada este venres en rolda de prensa na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. “O II Congreso de Estudos Internacionais de Galicia resulta moi acaído, non só porque se cumpre o 60 aniversario da sinatura dos Tratados de Roma, senón tamén porque a UE atópase nun intre de certa efervescencia política. En efecto, despois do acceso de Emmanuel Macron á presidencia da República Francesa, e da vitoria de forzas políticas proeuropeas nas sucesivas eleccións domésticas, debúxase un novo horizonte para UE”, explica Celso Cancela, investigador do Observatorio da Gobernanza G3. Neste contexto, engade o co-director do congreso, “Galicia non pode permanecer muda, inmóvil e en modo pasivo. Debe tratar de tomar posición e prepararse para o novo escenario”.

Pola súa banda, Daniel González Palau, director do Igadi e co-director do congreso, salienta que para a entidade que dirixe “é unha alegría dar continuidade á colaboración establecida co Observatorio da Gobernanza da Universidade de Vigo o ano pasado, coa organización do I Congreso de Estudos Internacionais de Galicia”. Despois de 26 anos promovendo a acción exterior de Galicia desde o Igadi, recalca González Palau, esta sinerxía institucional “é un paso adiante na consolidación dunha reflexión estratéxica autocentrada en Galicia neste ano decisivo sobre o papel que debera xogar o noso país no contexto europeo”.

Catro sesións temáticas

O congreso, detalla Álvaro Xosé López Mira, investigador tamén do Observatorio da Gobernanza, enmárcase nun dos piares do Campus CREA S2i, o da xestión pública. “O programa é dun altísimo nivel e está pensado tamén para transmitirlle á comunidade universitaria e á sociedade galega a importancia de sermos protagonistas dos nosos propios intereses o que, necesariamente, pasa por fortalecelos dentro das sempre complexas dinámicas da Unión Europea”. A iniciativa está dirixida ao público interesado na temática do congreso e ao alumnado das universidades galegas, en particular, de titulacións como Dirección e Xestión Pública, Dereito, Económicas, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Políticas ou Socioloxía. A inscrición para participar pódese formalizar ata o 15 de setembro de 2017.

O programa da cita, que conta co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, organízase en catro sesións temáticas: unha político-institucional, outra económica, outra sociocultural e outra de política exterior e seguridade. Na sesión político-institucional abordaranse cuestións como a Europa das rexións, a cooperación transfronteiriza, o déficit democrático e a toma de decisións, o alargamento europeo, o Brexit, as velocidades na construción da UE, o desapego cívico ao ideal comunitario e as tendencias e mapas políticos nos países comunitarios. Na sesión económica trataranse temas como o presente e futuro do euro, alternativas á crise, as políticas sectoriais, os fondos estruturais, a política industrial, o aforro enerxético e a política fiscal. Xa na sesión sociocultural o protagonismo será para cuestións como a Europa do benestar, a inmigración, o sindicalismo, a cidadanía europea, a diversidade cultural, a protección das linguas e culturas minorizadas, os valores europeos e as políticas educativas. Por último, na sesión de política exterior e seguridade falarase de temas como o estado da PESC, a OTAN e a defensa europea e as relacións transatlánticas.