DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Javier Martínez Gil, catedrático de Hidroxeoloxía e membro da Fundación Nueva Cultura del Auga:

“Os ríos son espellos que nos din quen somos”

O concepto de hidrofelicidade presidiu o seu relatorio na segunda xornada de Universium

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
DUVI 04/11/2008

Como verdadeira protagonista da sexta edición do ciclo Universium, a auga foi a encargada de abrir a segunda xornada de relatorios da man do catedrático de Hidroxeoloxía da Universidade de Zaragoza, Javier Martínez Gil. Co son da auga, dándolle a palabra ao verdadeiro eixo da conferencia, o membro da Fundación Nueva Cultura del Agua abriu un percorrido pola sensibilidade, los sentimentos e polo simbolismos que ríos e fontes teñen e tiveron para todas as culturas ao longo de toda a humanidade.
Creador do termo nova cultura da auga, Martínez Gil sostén que “se pode coñecer un país observando a situación dos seus ríos” e avoga por humanizar as políticas que regulan este recurso xa que “os ríos están onde están porque teñen que estar” e o ser humano non é quen de pretender modificar e domar a natureza. Neste sentido, a nova cultura da auga pretender ser unha filosofía da hidroloxía para facer entender á sociedade que os ríos e a auga son moito máis que un recurso, “xa que esta concepción é profundamente antropocéntrica” e aséntase no poder e na riqueza que proporciona como recurso.

O concepto de hidrofelicidade

Científico de formación, é doutor en Hidroloxía pola Universidade da Sorbona e doutor en Ciencias Xeológicas pola Universidade de Barcelona, Martínez Gil tomou a importante decisión “de non quedarse no despacho”, segundo explicou a secretaria xeral de Adega, Virginia Rodríguez, que foi a encarga de presentalo. En todos os seus anos de traxectoria profesional o contacto cos ríos foi directo, o que o levou a desenvolver unha especial sensibilidade que, segundo el, debe presidir as políticas relacionadas coa auga. “Non hai ningún recurso co que o ser humano teña unha vinculación tan emocional como coa auga e tense convertido en máxica en moitas comunidades”. Maila esta percepción, a humanidade ten situado aos ríos no momento máis crítico da historia, polo que se fai máis preciso que nunca unha nova cultura da auga. “É cultura porque os ríos non son solo un recurso nin unha fonte de cartos, teñen unha vinculación coa vida, coa natureza e debemos ver a auga como un elemento cultural”. E esta cultura é nova porque “todo o anterior, o feito durante as últimas décadas non sirve, levounos ao desastres”. Esta reflexión leva ao catedrático Martínez Gil a defender unha forma diferente de ver, entender e sentir a auga atendendo aos sentimentos, á beleza, ás vivencias e aos dereitos das xeración vindeiras por riba da economía, a industria e o progreso. Isto é a hidrofelicidade.

Os pasos dados

A posta en marcha da Fundación Nueva Cultura del Agua supón un primeiro paso no camiño para normalizar e recuperar a sensibilidade cos ríos. A aceptación do termo nova cultura da auga “foi unha sorpresa para min, nunca pensei que acabaría traspasando fronteiras xa que supón a aceptación de que algo estamos a facer mal”. Empregado xa na Expo Zaragora 08 e polo presidente do Goberno, José Luís Rodríguez Zapatero, a nova cultura da auga conta xa cunha carta europea. “Conseguimos cambiar a linguaxe, pero agora aínda temos que cambiar o mundo, deixando atrás a economía actual para optar por unha economía da fraternidade e o mundo científico e universitario ten moito que dicir neste sentido”, concluíu.
Este mércores continúa o ciclo de conferencias coa intervención de Abel La Calle Marcos, profesor de Dereito na Universidad de Almería e vicepresidente da Fundación Nueva Cultura del Agua. La Calle afondará na Participación activa en la política de aguas: oportunidad y realidades a partir das 12.00 horas.