DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así se puxo de manifesto na II Conferencia Internacional do DeltaNet celebrada en Lisboa

Os riscos de inundación e os procesos de sedimentación son os puntos fracos do esteiro do Miño

Máis de 130 participantes puxeron en común as diferentes solución que se están levando a cabo en tod

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 23/11/2010

O cambio climático e a súa repercusión nas zonas de esteiro foi o eixo central da II Conferencia Internacional do Proxecto Europeo DeltaNet que se celebrou en Lisboa coa participación da Universidade de Vigo e de 130 representantes da política local e nacional lusa, das universidades e dos socios do proxecto procedentes de Bélxica, Gales, Alemaña, Polonia, Romanía e España. Un foro de debate no que a Administración portuguesa puxo enriba da mesa todas as accións que se levan a cabo no esteiro do Tejo a través dunha rede equivalente ás confederacións hidrográficas “para loitar contra o dano que o risco de inundacións e os procesos de sedimentación causan nas infraestructuras empregadas polos cidadáns destas zonas”, explica Xavier Simón, profesor da Universidade de Vigo e coordinador de MiñoNet, unha rede rexional de cooperación do esteiro do Miño enmarcado dentro de DeltaNet e harmonizado pola Universidade viguesa.

Nos workshops desenvolvidos durante a conferencia os esteiros do Dabubio, do Elba e do Ebro convertéronse no exemplo a seguir, xa que teñen “equipos traballando dende hai tempo para coñecer aspectos como a velocidade de sedimentación”, explica Simón. Unha tarefa que permitiu buscar solucións aos problemas por exceso no caso do Elba pola forza que ten o mar do Norte, ou por defecto no caso do Ebro polo regulamento que ten río arriba. “A conclusión foi que no esteiro do Miño o diagnóstico deste tipo de cousas é bastante pobre. Aquí só intuimos o que está pasando. É necesario deseñar un plan de traballo para recoller melloras e poder tomar as decisións axeitadas ás necesidades”, recorda Simón. A solución pasa por detectar “en que aspectos da xestión non existen boas prácticas” e incidir na actuación das Administracións públicas no esteiro para corrixir o que está pasando.

Unha porta aberta ás oportunidades

Durante a conferencia tratáronse tamén cuestións como a diversidade e complexidade dos esteiros, a súa enorme riqueza natural e a súa gran fraxilidade ecolóxica e discutiuse a necesidade de plans de xestión que incorporen a compatibilidade de todos os usos dos estuarios preservando o equilibrio ecolóxico e contribuíndo ao desenvolvemento económico. “Son desafíos moi complexos para os políticos pero tamén unha fiestra de oportunidades que tanto o sector público como o privado deben aproveitar para mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Para iso é necesario crear unha axenda para o desenvolvemento sustentable das rexións con delta”, relatou durante as xornadas Carlos Humberto de Carvalho, presidente da Área Metropolitana de Lisboa.

Lisboa supuxo o segundo paso no proxecto DeltaNet despois do primeiro encontro que tivo lugar en Hamburgo en abril deste ano, onde se celebrou a primeira dun conxunto de conferencias que se irán poñendo en marcha en varios lugares de Europa ata 2012. A vindeira cita será en xuño de 2011 no delta do Ebro.

Obxectivos de DeltaNet

A principal meta desta rede europea é mellorar a gobernanza sustentable dos esteiros a través dunha rede de cooperación que permita levar a cabo procesos de aprendizaxe mutuo e boas experiencias de xestión. DeltaNet aglutina a un grupo de nove rexións europeas con esteiros e traballa cinco ámbitos de cooperación: buscar unha perspectiva de xestión que integre economía e ecoloxía; mellorar a xestión dos riscos de inundación e dos problemas de sedimentación; mellorar a conservación dos ecosistemas que forman os esteiros; incrementar a conciencia pública sobre a importancia dos deltas a través da participación dos axentes e mediante a diseminación de boas prácticas entre a sociedade e definir sistemas que permitan poñer en marcha unhas políticas rexionais coordinadas.