DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un obradoiro de extensión cultural ensina a 15 persoas a tocar o tambor djembé

Os ritmos da etnia malinké resoan no campus

O obxectivo é que aprendan dun xeito lúdico os toques básicos deste instrumento africano

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 24/10/2012
As persoas que pasean os mércores pola tarde polos xardíns do campus de Ourense gozan dun fío musical de fondo moi especial. É o son dos tambores djembé que un grupo de 15 estudantes do campus de Ourense están aprendendo a tocar de man do músico Jorge Pérez nun obradoiro de extensión cultural. Dun xeito moi lúdico, os futuros “djembé fola”, percusionistas deste instrumento, están familiarizándose coa tradición musical da étnica senegalesa malinké.

“O obxectivo deste obradoiro é ensinar aos inscritos os toques básicos do djembé, un tambor de madeira maciza con forma de reloxo de area feito con madeira e pel de cabra”, explica o profesor de música. O atractivo deste instrumento, apunta, radica en que “tes a orquestra completa nel, tes os sons graves e os agudos e unha vibración forte que conecta directamente co percusionista”. Ademais, explica Jorge Pérez, tocando este instrumento “empregas moita enerxía física, non é un instrumento fráxil, é enerxizante”.

Atopar o “swing”

Cada un dos participantes acude ao obradoiro con motivacións diferentes, pero moitos deles coinciden en destacar o desexo de perder a vergoña, de familiarizarse cun instrumento que dá “moito xogo” para tocar logo en contexto informais e de aprender a improvisar co esta percusión. “Para as persoas que non tocan o djembé é moi alcanzable, moi fácil de aprender os toques básicos. Para as persoas con máis coñecementos, é un reto, porque con djembé podes compoñer unha obra completa”, subliña o docente do obradoiro.

O propio Jorge Pérez pon como exemplo desta versatilidade e atractivo do djembé o seu propio caso. “Eu tiña unha formación clásica en percusión ata que nunha materia dun mestrado coñecín este instrumento de man do mestre Ali N´Diaye Rose. Foi descubrir unha forma diferente de facer música, máis flexible, con máis enerxía. Era tan sinxela que non a entendín ata que me din conta de que a clave estaba en que ten outro “swing””, destaca.

En decembro, tras 30 horas de formación, os participantes ofrecerán un concerto informal nunha cafetería da cidade no que amosarán aos amigos que se queiran achegar os seus avances no manexo deste instrumento a través de actuacións individuais e en grupo, con improvisacións e coa representación de pezas da tradición musical malinké.