DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os Roteiros Culturais esténdese neste curso á provincia de Pontevedra

Dos once programados para todo o curso, oito son novidades

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 28/10/2010
Deporte, cultura, natureza e patrimonio percorren da man os 251 quilómetros que compoñen a programación dos Roteiros Culturais para todo o curso. En total, 11 propostas, a primeira delas unha Ruta das Termas que xa se desenvolveu a pasada fin de semana, que visitarán boa parte da provincia de Ourense pero que este curso se achegan tamén á de Pontevedra. Xunto cos percorridos clásicos como o de Allariz ou San Pedro de Rocas a comunidade universitaria poderá gozar nos vindeiros meses de oito rutas novas: San Rosendo, Santo Estevo, Barbantiño-San Cibrao de Las, Mosteiro de Montederramo, Arnoia-Ribeiro, Vía Nova, Vía da Prata e Rías Baixas.

Sobre esta última proposta, José García Calvo, “Willy”, coordinador dos roteiros, explica que quixeron achegarse a Pontevedra para coñecer Cangas do Morrazo e as súas praias como as de Liméns, Nerga, así como a contorna de Cabo Home e Donón. “Aproveitando que a Universidade ten o seu principal enclave no sur desa provincia imos facer un percorrido costeiro pola zona”.

García Calvo destaca tamén entre as novidades o roteiro pola da Vía Nova, “unha especie de Camiño de Santiago pouco coñecido que enlaza o sur da provincia de Ourense con Astorga”. Con saída en Portugal, “esta ruta transcorre por unha calzada romana que foi rehabilitada o ano pasado, polo que temos que darlle o mérito que se merece”, segundo palabras do coordinador do programa.

A vindeira cita, en San Rosendo

O recentemente inaugurado roteiro de San Rosendo, que transcorre pola zona de A Mezquita e Vilanova dos Infantes, é unha das novas propostas que o programa Rutas Culturais e a vindeira cita no calendario, o 6 de novembro. “Hai unhas semanas que remataron de colocar as sinalizacións e para nós é moi relevante que a Universidade sexa a primeira que percorre o traxecto en grupo”, segundo explica García Calvo, que resalta que esta iniciativa está orientada ao descubrimento da contorna histórica e cultural da nosa comunidade. Ademais, coa inclusión deste percorrido no programa, “queremos renderlle unha homenaxe á Fundación Curros Enríquez, coa que temos colaborado en ocasións anteriores”, engade.

Os interesados en tomar parte no roteiro, de dous chanzos de dificultade e vinte quilómetros de lonxitude, deberán dirixirse ás dependencias do Servizo de Deportes de calquera dos tres campus antes do vindeiro martes 2 de novembro, xa que a saída terá lugar o sábado seguinte.

Datos de interese

O Servizo de Deportes ofrece a posibilidade de matricularse de xeito conxunto en todos os roteiros e de xeito individual. O prezo por unha saída é de 8 euros para a comunidade universitaria e de 13 para as persoas alleas á Universidade. Un bono para cinco rutas para a comunidade universitaria ten un custe de 35 euros e 55 para o público en xeral, mentres que a matrícula total para as 11 excusión varía entre os 65 e os 100 euros.

Ademais, ao alumnado concederáselle un crédito de libre configuración por cada 3 rutas (ata un máximo de 2 créditos) e poderán participar en sorteos de material e recibir como agasallo unha Guía de Rutas Culturais.