DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os roteiros próximos ao campus poderán facerse en bici cun novo programa de préstamo

Os responsables do Servizo de Deportes están a inspeccionar as rutas para elaborar unha guía informa

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Romina Vázquez DUVI 12/06/2008

Gozar do ciclismo aproveitando a privilexiado contorna natural no que se enclava o campus é o obxectivo do programa de préstamo de bicicletas que pon en marcha o Servizo de Deportes. Trátase de aproveitar os sendeiros marcados que xa existen nos montes que rodean o campus para fomentar a práctica de exercicio físico entre os membros da comunidade universitaria. “Dado o lugar no que estamos, a idea xa leva varios anos en mente”, tal como explica Javier Rial, responsable do Servizo de Deportes, que engade que “o noso emprazamento é ideal para realizar rutas forestais”. Pola súa banda, J. Luis Armada, técnico da sección federada de carreiras de orientación da Universidade, anima aos estudantes a tomar parte nesta iniciativa que “co bo tempo resulta altamente apetecible, ademais de ser saudable a nivel físico e psíquico”.
En principio, hai dous roteiros previstos. Mentres que o primeiro, de dificultade media, discorre pola contorna do campus e polo parque forestal de Bembrive, o segundo percorre a parte baixa do miradoiro de Beade. Armada aconsella realizados en parella ou en grupo, posto que “hai que ter moita precaución nas zonas con desnivel en baixada”, tal como explica.
Ambas sendas dispoñen dunha ruta track que se volcará no Google-Earth, para ser colgada posteriormente na páxina web do Servizo de Deportes. Deste xeito, os interesados, ademais de ver por onde discorren as rutas, poderán observar a gráfica de desniveis.

Unha completa guía para o paseo

Coa finalidade de ofrecer aos interesados unha información máis precisa, membros do Servizo de Deportes están a realizar estes días rutas de inspección para coñecer de primeira man o estado dos roteiros e das pistas forestais que rodean o campus. “Hai sedeiros con distinto nivel de dificultade que van dende os 5 ata os 15 km”, apunta Rial, que puntualiza que “queremos elaborar unha guía con información útil para os usuarios e así poder asesoralos mellor”.

Actividade dispoñible todo o ano

Presentar o DNI ou outro documento de identificación, xunto coa Tarxeta Universitaria é o requisito para dispor dunha das novas bicicletas de préstamo. Poderán usarse durante un período de ata tres horas e sempre para realizar paseos polo campus ou polas zonas próximas, tendo en conta que os usuarios asumen a responsabilidade do bo estado dos aparatos.
O préstamo funciona de luns a venres e en horarios variables en funcións dos meses. Así, durante o mes de xuño as bicicletas poderán utilizarse de 9.00 h. a 21.00 h., ao igual que nos meses de setembro, abril e maio. En xullo o préstamo será de 10.00 a 18.00 h. e en agosto de 10.00 a 13.00 h. Durante o resto do ano o horario será de 10.00 a 19.00 h.