DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O grupo Geoma pon en marcha a segunda fase da campaña Galinclimarch ao borde do talude continental

Os segredos do cambio climático agóchanse a 50 millas de Arousa

Durante 12 meses recollerán datos de correntes ou temperatura dun fondeo despregado a 1500 m de prof

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 21/05/2013

Seis horas de arduo traballo para despregar o instrumental co que obter datos que arroxen luz sobre o pasado, presente e futuro do cambio climático. Así foi a última expedición do grupo Geoma da Universidade de Vigo, que regresou con éxito do borde do talude continental galego, a 50 millas de Arousa, onde ao abeiro da campaña Galinclimarch 2 implementou un fondeo para a caracterización das principais masas de auga e taxa de sedimentación asociadas a esta zona cun cabo ancorado a 1500 metros de profundidade na que van distribuídos distintos aparellos que rexistrarán durante 12 meses os cambios en salinidade, temperatura, osíxeno disolto, turbidez e velocidade da corrente da augas, ademais de recoller material particulado a través de dúas trampas de sedimento.

Unha expedición a bordo do Sarmiento de Gamboa que os investigadores cualificaron como “todo un éxito” e que xa nas primeiras horas permitiu “adquirir algúns datos adicionais coa sonda multifeixe, completando a prospección batimétrica” feita con anterioridade, como explicou Daniel Rey, investigador principal do grupo Geoma. Cun dobre obxectivo, científico e académico, na expedición oceanográfica participaron cinco científicos da Universidade de Vigo e catro alumnos da Facultade de Ciencias do Mar asistidos pola Unidade de Tecnoloxía Mariña do CSIC liderada por Héctor Sánchez e Waldo Caride nun buque capitaneado por Rafael Díaz.

Un ano de traballo

Durante o fondeo, os investigadores comprobaron a comunicación cos liberadores, verificando a súa posición vertical e que estaban pechados e ben suxeitos, xa que o instrumental recuperarase dentro dun ano a través dun sofisticado sistema acústico que permitirá desprender os aparellos do seu ancoraxe dende o barco para poder ser capturados desde cuberta despois de que ascendan por flotación. “Os datos grávanse na memoria de cada instrumento a medida que se adquiren para logo descargalos en terra”, explica Rey.

Sen embargo, é posible ter información do fondeo antes de recuperar os aparellos, aínda que non sería por boas novas. “Vai dotado dunha radiobaliza que emite a súa posición ao emerxer á superficie a través do servizo de comunicación por satélite Iridium, que envía inmediatamente un correo electrónico coas coordenadas xeográficas. Recibir sinais antes da súa recuperación indicaría que a radiobaliza emerxeu antes de tempo porque o fondeo separouse da áncora”, salientou o catedrático.

Mostraxe no esteiro do Miño

De xeito paralelo, nesta nova fase da campaña Galinclimarch a embarcación Inndaga do grupo Geoma caracterizará as augas e sedimentos achegados polo Miño, “unha das principais fontes de sedimento que chegan ao océano desde o continente”. Estes sedimentos, en suspensión na auga do río, forman unha pluma de turbidez que é arrastrada polas correntes mariñas cara o norte ao longo da plataforma continental, unha pluma “ben visible desde zonas altas como o monte de Santa Tegra” que deixa materiais na conca oceánica, na plataforma continental e, se se dan as condición axeitadas, nas propias rías.

Este rastreo farase ademais nunha época “especialmente interesante”, xa que a descarga do río veuse moi amplificada polas abundantes choivas deste inverno, facilitando a súa detección a centos de quilómetros de distancia. Por iso, establecendo a relación entre sedimento e condicións meteorolóxicas tratarase reconstruír cales foron as condicións climáticas do pasado a partir dos depósitos atopados.

Primeiros resultados

A expedición forma parte do proxecto Galinclimarch, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad e liderado polo grupo Geoma que busca estudar a evolución do clima a partir dos sedimentos depositados na Conca Interior de Galicia. Estes restos son capaces de rexistrar a dinámica glacial-interglacial e as peculiaridades de transición do último período interglacial ata o presente. O estudo das taxas e magnitudes dos cambios deste sistema permitirá obter datos “cos que medir como a actividade humana cambia o clima e as consecuencias dese cambios no futuro”.

Xa a primeira expedición feita fai un ano xa xerou unha colección de datos xeofísicos e xeolóxicos de extraordinaria calidade, entre os que destaca unha batimetría de precisión de malla de 20x20 dunha área de 9860 quilómetros cadrados que melloran case nun orde de magnitude os datos dispoñibles ata o de agora e que constitúe a base da posición do fondeo. Ademais, procesáronse 690 quilómetros de perfiles sísmicos de alta resolución que permiten valorar o espesor sedimentario total e a estrutura tectónica. Segundo a identificación de IRDs asociados a eventos de Heinrich, os lodos, limos e areas recollidos teñen unha idade máxima estimada de 60000 anos.