DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Coa exposición ‘Traza Urbana, visiones de un hogar público’ na Galería Sargadelos de A Coruña

Os segredos da rúa transformados en arte

Composta por obras de 14 alumnos da facultade pontevedresa e da profesora Anne Heyvaert

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 17/09/2012

A rutina, a globalización, a multitude, a idea de comunidade, o anonimato, o deambular… son algunhas das reflexións que 14 alumnos e alumnas da Facultade de Belas Artes expresan na mostra colectiva Traza Urbana, visiones de un hogar público, aberta ao público na Galería Sargadelos de A Coruña ata o vindeiro 13 de outubro. Trátase dun proxecto multidisciplinar a través do cal os artistas pretenden compartir co espectador múltiples visións dunha cidade cambiante a partir das diferentes percepcións que cada un mantén co espazo urbano. Para esta exposición, os estudantes do centro pontevedrés contaron co apoio e asesoramento da profesora Anne Heyvaert “que se sumou ao proxecto coa alegría e entusiasmo de calquera de nós”, apunta Clara Salamanca, unha das artistas.

Aínda que con inquedanzas profesionais diferentes, Nelson Bardón, Cipriano Chas, Susana Bermejo, Elia Núñez, Xisela Franco, Natalia García, Antía Cea, Diego Germade, Fernando Lafuente, José Navas, Martín Rivas, Arkaitz Rodríguez, Clara Salamanca, Cillas Seyde e Anne Heyveart decidiron xuntarse para intercambiar impresións sobre a urbe contemporánea, un lugar que se representa continuamente por medo a non recoñecelo e acabar extraviados na súa inmensidade. “Escolleuse o espazo urbano pola súa presenza na vida cotiá de todos. É un lugar onde vivimos, traballamos e experimentamos novas cousas cada día”, explica Salamanca. Cada alumno inspirouse nun aspecto distinto “xa que procedemos de distintos ámbitos, uns somos artistas emerxentes, outros arquitectos ou profesionais dos medios de comunicación”, pero pretenden trasladar á sociedade unha visión colectiva “na que todos nos sentimos identificados e para a que nos apoiamos mutuamente”, algo que considera transcendental nestes momentos de dificultade.

Reflexións dispares arredor dunha mesma idea

Neste caso, o lazo condutor é o espazo urbano, abordado dende diferentes temáticas e disciplinas. Así, Traza Urbana componse de vídeo, escultura, pintura, fotografía, instalación… dando como resultado 14 propostas “para non perder o norte e o horizonte”. A profesora Anne Heyvaert sitúase entre o espazo representado e o figurado, dobrando un mapa que achega novas visións “que incluso poden chegar a despistar ao espectador”.

O cambio constante que sofren as cidades é o que inspirou a José Navas para o seu lenzo Huellas, mentres que Cipriano Chás atende á necesidade do humano de apropiarse do espazo público. Antía Cea apodérase do propio espazo expositivo; Xisela Franco trae á Coruña “unha mirada estranxeira dende Toronto”; Nelson Bardón sitúase nos límites do espazo público e privado; Fernando Lafuente modifica as fronteiras do fondo e da figura; a instalación de Elia Núñez reflexiona sobre a rutina e a globalización; Martín Rivas sobre a necesidade de volver a crear comunidades e Diego Germade sobre a falta de espazos baleiros, para o que colocou sobre un mapa da antiga Roma un bloque de cemento. Por último, Cillas Seyde buscou inspiración nas orixes, Natalia García nos espazos que soen pasar inadvertidos, Clara Salamanca fíxase no deambular dos viandantes e Arkaitz Rodríguez quixo investigar no anonimato da multitude.

A mostra Traza Urbana poderase visitar ata o 13 de outubro na galería Sargadelos de A Coruña en horario de luns a sábado de 10.30 h a 14.00 h pola mañá e de 16.30 h a 20.30 h pola tarde.