DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Un total de 24 alumnos e alumnas participan nun curso de extensión universitaria sobre cata

Os segredos dos viños, augardentes e licores entran polo nariz

Expertos enólogos ensínanlle aos asistentes a diferenciar sabores e olores nestas bebidas

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Raquel Feijóo DUVI 24/06/2010

Cun anaco de queixo do Cebreiro na man e unha copa de viño Algueira, da colleita do 2007 na outra Belén Vidal, estudante de Maxisterio, tenta atopar na bebida os sabores e os olores que lle indica Alfonso Losada, da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia. “Que sabores recoñecedes neste viño? Canela, vainilla, sabores froiteiros ou algún outro?” pregunta. “A verdade é que isto de catar os viños é moito máis complicado do que parece e require de moito tempo”, confesa Belén. Con ela coincide o seu compañeiro de estudos Fernando Domínguez, que confesa que nun primeiro momento decidiu apuntarse ao curso de Cata de viños, augardentes e licores “porque necesitaba os dous créditos de libre elección” pero que agora se amosa “encantado” co seu desenvolvemento, “porque me permite aprender cousas nas que antes non me fixaba como a cor e os aromas que desprenden estas bebidas”, afirma.
Belén e Fernando son dous dos 24 alumnos e alumnas que están a facer este curso de extensión universitaria dirixido polas profesoras da área de Química Analítica da Universidade de Vigo, María del Carmen Pérez e Esperanza Fernández. O programa da actividade inclúe relatorios impartidos por profesionais especialistas na temática e conta tamén cunha parte práctica na que os alumnos e alumnas aprenden a catar viños brancos, tintos e doces, augardentes e licores. As sesións prácticas de cata complétanse cun apartado de maridaxe na que se combinan as bebidas cos alimentos máis axeitados ás súas características.

A formación, piar básico para facer unha boa cata

Alfonso Losada asegura que “calquera persoa pode ser un bo catador” aínda que matiza que para acadar este obxectivo “hai que formarse e para iso precísase de moito tempo”. Educar o padal, probar moitos viños, aprender a relacionalos e ter unha boa memoria para poder comparar os sabores son algunhas das calidades que subliña para ser un bo catador, “ademais de coñecer cales son as técnicas de cata”, matiza. Para o enólogo un bo viño “é aquel que é harmónico, que non ten arestas, que non é nin ácido nin doce. É o que se coñece como un viño redondo”, explica.
Claro que unha cousa é dicilo é outra moi distinta levalo á práctica. Tania Paz, estudante de Administración e Dirección de Empresas, achega a copa ao nariz tentando descubrir na bebida olores que lle resulten coñecidos. “Pouco a pouco vou aprendendo a distinguir os diferentes olores e sabores. Con todo debo dicir que algúns é fácil recoñecelos pero que noutros casos custa un pouco máis”, explica ao tempo que pensa na viticultura como unha posible saída profesional.

O viño, un sector estratéxico en Galicia

Nestes momentos e segundo os datos aportados polo enólogo Alfonso Losada, Galicia produce uns 35 millóns de litros de viño ao ano en 10000 hectáreas de viñedo. O número de adegas na nosa comunidade supera as 500 e a importancia económica do sector non chega ao 10%. Nesta contorna Ourense é un caso singular posto que das cinco denominacións de orixe existentes na comunidade catro están nesta provincia –Ribeiro, Monterrei, Valdeorras e Ribeira Sacra-. Os participantes no curso de cata teñen a posibilidade de probar, saborear e aprender a distinguir todos estes viños así como os pertencentes a outras denominacións de orixe do estado español e incluso do exterior. Entre eles está Diego Rodicio, enxeñeiro informático e profesor de ensino secundario, que chegou a este curso por recomendación dun amigo e que confesa sentirse agora “moi satisfeito” co seu desenvolvemento, “sobre todo porque pensaba que todas as bebidas ían ulir e saber igual e me sorprende comprobar as grandes diferenzas que existen entre os distintos viños”, asegura.