DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A correspondente orde publicarase este mércores no DOG

Os servizos mínimos de limpeza establecidos pola Consellería de Presidencia comezarán a traballar en próximas horas

A actividade docente desenvólvese con normalidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Mª del Carmen Echevarría DUVI 25/11/2008

Atendendo á solicitude realizada pola Universidade de Vigo, a Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia acordou establecer servizos mínimos na limpeza nun 50% dos efectivos que habitualmente desenvolven o seu labor nos campus de Pontevedra e Vigo.
O inicio da actividade dos servizos mínimos queda pendente da publicación da correspondente orde no DOG o que segundo fontes da Consellería de Presidencia podería producirse este mércores. “O establecemento dos servizos mínimos permitirá que recuperemos a normalidade tanto na actividade docente como investigadora”, sinala a xerente Ana Fernández Pulpeiro que lamentou o estado no que se atopan moitas das instalacións dos centros dos campus Vigo e Pontevedra.
Tras nove días de folga no servizo de limpeza da provincia de Pontevedra, a xerente asegura que “necesitabamos unha solución inmediata que nos permita atender as necesidades xeradas por esta situación”. Así mesmo para evitar o deterioro das instalacións, acordouse o reforzo da seguridade nos campus onde xa nos últimos días estiveron presentes efectivos de policía nacional enviados pola Subdelegación do Goberno.

Responsables dos centros máis afectados acordan manter a actividade

Aínda que a accións dos piquetes é evidente en case todos as escolas, facultades e instalacións de servizos da institución, tres dos centros máis afectados pola folga son as escolas de Telecomunicación, Minas e Enxeñeiros Industriais. Precisamente hoxe, representantes das tres escolas acordaron nunha xuntanza non cesar a actividade docente á espera de que a situación recobre a normalidade. “Na Escola de Minas”, sinala o seu director, Pedro Arias, “ estaremos moi pendentes da evolución dos acontecementos, e aínda que nas zonas comúns a situación é bastante complicada, nas aulas o problema non é tan grave”.
A pesar da situación creada ao longo destes días polos piquetes, a folga non chegou a afectar ao normal desenvolvemento da actividade docente, manténdose as ubicacións e horarios habituais das clases.