DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Esta realidade supón un grave risco xa que prexudica gravemente aos usuarios

Os servizos públicos asistenciais de Galicia adoecen de tradutores e intérpretes profesionais

Profesoras viguesas coordinan o primeiro estudo que se fai en Galicia sobre esta temática

Etiquetas
  • Vigo
D. Besadío DUVI 09/11/2012
Durante os últimos vinte anos a presenza de estranxeiros en España, e tamén en Galicia, medrou enormemente, pero, pese a esta realidade, a tradución e interpretación nos servizos públicos galegos non goza dun recoñecemento institucional suficiente. Existe unha clara conciencia das necesidades de comunicación en determinados ámbitos, como o sanitario e nos xulgados, pero aínda non existe percepción sobre a necesidade de profesionalización desta actividade. Debido a esta falta de concienciación, na maioría dos casos non se contrata a profesionais senón a intépretes ad hoc que fan as veces de intérpretes sen ningún coñecemento das técnicas de intepretación e en moitas ocasións con escasos coñecementos das linguas. Isto supón un grave risco, xa que os erros cometidos polas persoas que actúan como intérpretes poden prexudicar gravemente aos usuarios que ven minguados os seus dereitos ao non poderen acceder aos servizos públicos en igualdade de condicións que o resto dos cidadáns. Así se reflicte no volume Tradución e interpretación nos servizos públicos asistenciais de Galicia, o primeiro estudo empírico que se fai na nosa comunidade autónoma sobre a tradución e a interpretación nos diferentes ámbitos dos servizos públicos e asistenciais galegos.

Coordinado polas profesoras María Isabel del Pozo Triviño e Elisa Gómez López, no libro preséntanse os resultados de cinco investigacións levadas a cabo sobre o novo mapa social e lingüístico de Galicia e sobre a situación da tradución e a interpretación nos eidos xudicial, policial, notarial, sociosanitario e nas ONG. Son cinco estudos nos que se constata que a interpretación non se valora de igual xeito que a tradución, xa que cando se precisa unha tradución xurada o cliente percibe mellor a necesidade de contratar a un profesional, tradutor xurado, que lle ofrecerá garantía de calidade. “A interpretación, ao tratarse dun servizo oral e polo tanto efémero, parece que pode ser realizado por calquera persoa con coñecementos da lingua”, subliña a profesora Elisa Gómez, membro fundador da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e a Interpretación (AGPTI) e membro activo da ONG Tradutores Sen Fronteiras.

Garantir dereitos na policía e nos xulgados

No ámbito xudicial é no que se constatou unha maior concienciación sobre a necesidade de utilizar tradutores e intérpretes profesionais para paliar os problemas de comunicación con estranxeiros. “Non obstante, a pesar desta concienciación, aínda queda moito por facer xa que non en todos os casos o servizo que se ofrece na actualidade é o óptimo e o axeitado”, subliña Mª Isabel del Pozo, representante da Universidade de Vigo no Consello Sectorial das Migracións do Concello de Vigo. “No aspecto xudicial as nosas esperanzas están postas na Directiva 2010/64/UE do Parlamento Europeo e do Consello de 20 de outubro de 2010 relativas ao dereito a interpretación e a tradución nos procesos penais, unha normativa que se terá que traspoñer á lexislación dos estados membros antes de outubro de 2013”, subliña Del Pozo, ao tempo que explica que se trata dun texto moi agardado, xa que vai a incidir tanto nos dereitos de calquera acusado estranxeiro, reforzando as súas garantías procesuais e, así mesmo, no labor e formación dos intérpretes xudiciais que traballan coa policía e nos xulgados.

O interese das autoridades por mellorar a situación neste eido reflíctese tamén, a xuízo das autoras, na concesión outorgada a unha empresa privada para que diminúan os grandes tempos de espera que se rexistran aínda en certos xulgados e se solucione o problema existente relacionado coa dificultade de atopar intérpretes de certas combinacións lingüísticas pouco comúns. “Co fin de que estes obxectivos se cumpran, a Xunta de Galicia debería supervisar que a empresa adxudicataria da concesión esixa un alto nivel de calidade aos intérpretes que contrata, ao ser este servizo responsabilidade da Administración”, engaden as coordinadoras da obra.

O estudo levado a cabo no ámbito policial demostra que o papel do profesional que desempeña labores de interpretación neste ámbito é ambiguo. Se ben os propios membros da policía recoñecen xa a necesidade da figura do tradutor ou intérprete para levar a cabo unha cantidade crecente de intercambios comunicativos, o descoñecemento da profesión por parte dos usuarios do servizo xera unha grande parte dos problemas aos que se debe de enfrontar o intérprete e que poden menoscabar o desempeño do seu traballo.

Nos servizos sanitarios o intérprete profesional segue a ser un descoñecido

A profesión de intérprete nos servizos sanitarios é aínda incipiente en España. A súa presenza nos hospitais é, polo de agora, escasa. “Galicia segue a estar, no que a medios se refire, un paso por detrás de moitas comunidades autónomas nas que a inmigración procede maioritariamente de países non hispanofalantes, o que non semella que vaia cambiar nun futuro próximo”, recalca Del Pozo, que fai fincapé en que cómpre loitar polo recoñecemento e visibilidade da profesión. “Non hai que esquecer que os intérpretes poden supoñer, para moitas persoas, a garantía dun dereito básico como é o acceso aos servizos de saúde públicos”, insiste.

No caso das ONG, a primeira conclusión que se tirou do estudo de campo foi o escaso protagonismo que se lle dá ao labor que realizan as organizacións non gobernamentais en moitos ámbitos sociais. No tocante a interpretación, a meirande parte das ONG confirmaron que non contaban con profesionais da interpretación, senón que os propios traballadores da ONG realizan estas tarefas na medida das súas posibilidades.