DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCOO, CIG e UGT convocan unha manifestación o vindeiro 6 de novembro en Vigo

Os sindicatos mobilizan á comunidade universitaria para loitar contra “a precariedade total”

A comarca de Vigo ten unha taxa de paro do 21% e Pontevedra é a cuarta provincia española con máis E

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 02/11/2011

Preto de 60.000 persoas sen emprego e unha taxa de paro do 21%, catro puntos por riba da media galega. Son os principais datos que definen a situación económica na que se atopa a comarca de Vigo, onde un 36% dos rexistrados nas oficinas de Servizo Galego de Colocación xa non cobrou ningún tipo de prestación. Por iso, porque “a cidadanía nin é pasiva nin se resigna, máis ben indígnase”, CCOO, CIG e UGT fixeron hoxe un chamamento entre a comunidade universitaria para que participe na manifestación convocada para o domingo 6 de novembro que sairá ás 12 horas dende a Praza de España de Vigo. “A crise levou á comarca a unha situación moi perigosa, cun crecemento espectacular do desemprego e unha industria con escasas posibilidades de recuperación a curto prazo, o que está arrastrando a milleiros de familias a unha situación de exclusión social. Ante isto só hai dúas maneiras de comportarse: poñéndose de perfil para que pase o aire ou pórse de fronte”, asegurou Xosé Cameselle, secretario comarcal de Comisiones Obreras.

Cos “brotes verdes” lonxe de aparecer, entre os meses de abril e outubro presentáronse ante a Xunta 540 novos expedientes de regulación de emprego, “o que significa que en poucos meses imos ter outros 15.000 parados máis e centos de empresas pechadas”. Non en balde Pontevedra é a cuarta provincia con máis ERE presentados tras Barcelona, Madrid e Valencia “e a situación vai empeorar”. Por iso as tres centrais sindicais decidiron salvar as diferenzas que levaban arrastrando dende hai tempo, “mobilizar conxuntamente á cidadanía como primeiro paso e dar unha resposta conxunta ante un 2012 no que seguiremos acumulando unha situación de crise que levará a unha precariedade total. O motor industrial de Galicia neste momento estase agarrotando”, argumentou o secretario comarcal da CIG, Serafín Otero.

Datos alarmantes

Só en dous anos 20.000 habitantes máis da comarca de Vigo pasaron a engrosar as listas do paro, “uns datos que poden ser confusos porque non contan nin cos desempregados que están en formación nin cos cidadáns que non están parados pero que cobran salarios de 300 ou 400 euros”, recordou Otero. A iso hai que engadirlle que un 36% dos desempregados vigueses xa non perciben ningún tipo de prestación económica. De aí as cifras do último informe do Valedor do Pobo, que fala de 50.000 persoas en situación de pobreza na comarca. “A clase media é a que tira da economía dun país. En 1975 representaba un 15% da poboación, fronte ao 75% que se consideraba de clase baixa. Fai un ano o 75% da poboación podía considerarse clase media, pero cos datos que temos na man corremos o risco de que en cinco anos volvamos aos índices que tiñamos nos 70, cunha pequena clase alta moi poderosa, unha clase media case desaparecida e unha baixa ocupada polo 70% da poboación”, subliñou Antonio Juste, secretario comarcal de UGT.

Para evitar ese desgaste paulatino e ese “ataque frontal ao Estado de Benestar cos recortes en Educación e Sanidade e a privatización dos servizos públicos”, CCOO, CIG e UGT chaman a toda a cidadanía a dar un paso adiante e esixir “un cambio radical, un xiro nas políticas económicas e de emprego que coloquen como obxectivo central o estimulo da actividade económica e da creación de emprego”.