Na 6ª reunión da Advanced Technology Higher Education Network Alliance celebrada en Roma
Os socios de ATHENA analizaron durante tres días as liñas de traballo actuais e futuras do consorcio internacional
As vicerreitoras de Internacionalización e Extensión encabezaron a delegación da UVigo
A análise do que se está a facer nos diferentes paquetes de traballo do proxecto actual e a toma de decisións cara á segunda fase, centraron a 6ª reunión do consorcio ATHENA (Advanced Technology Higher Education Network Alliance), celebrada nos últimos días en Roma. Na xuntanza organizada pola Unversità Cusano, a Universidade de Vigo participou cunha delegación encabezada polas vicerreitoras de Internacionalización, Maribel del Pozo, e de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, respectivamente, e que completaban María José Bravo Bosch, directora da Inspección de Servizos da UVigo; Santiago Pozo, director de Internacionalización; Daniel Villanueva, director do Campus Tecnolóxico da UVigo; Eva Garea, directora da Área de Proxectos Internacionais e Educativos da Oficina de Proxectos Internacionais; Inmaculada Anaya, vicedecana de Comunicación da Facultade de Filoloxía e Tradución e as técnicas superiores de Relacións Institucionais e de Igualdade, Alicia López e Mar Fernández, respectivamente. Así mesmo, o alumnado da UVigo estivo representando na reunión polo presidente e polo tesoureiro de Ceuvi, Miguel Fernández, e Agustín Suárez, respectivamente, e polo membro e ESN Vigo, Samuel Fernández.
Reitores das nove universidades que integran o consorcio, o comité de dirección e as persoas que lideran ou participan nos diferentes paquetes de traballo, tomaron parte nesta reunión, que o consorcio celebra cada cinco ou seis meses e á que seguirá a que terá lugar o vindeiro mes de setembro na Universidade de Siegen, Alemaña. “Nos paquetes de traballo de xestión e gobernanza abordouse a necesidade de constituírnos en entidade xurídica que poida dar resposta ás necesidades dunha universidade europea; revisión do plan estratéxico; funcionamento dos comités de internacionalización e educación; creación o Students Board e integración de novos membros”, detalla a vicerreitora da Internacionalización, Maribel del Pozo.
As diferentes posibilidades para impartir cursos no seo de ATHENA, comezando polos relacionados con enxeñaría eléctrica; a presentación do primeiro volume anual de ATHENA Research Book, no que o persoal investigador das diferentes institucións está a publicar, facendo fincapé no traballo desenvolvido por estudantes de doutoramento; a posta en común da estratexia de comunicación dixital desenvolta na web e nas redes sociais de ATHENA, así como das novas directrices para o futuro (seguir mellorando a difusión de ATHENA nas canles institucionais , informar ás súas respectivas comunidades do que é o consorcio, en particular nos centros, a través de xuntanzas presenciais e visibilizando a alianza nos soportes das escolas e das facultades) foron algunhas das cuestións abordadas na xuntanza celebrada en Roma.
“No paquete de traballo de internacionalización os membros da European University ATHENA avanzaron na identificación de necesidades e na mellora dos servicios dispoñibles para poder incrementar o número de mobilidades previstas entre todas as entidades socias, co obxectivo de acadar as porcentaxes incluídas no proxecto en vigor. Tamén se presentou a nova planificación dos Erasmus+ Blended Intensive Programmes que se organizarán entre os meses de maio e outubro nas sedes das entidades de ATHENA, coa participación do persoal docente e alumnado interesado nestas formacións de curta duración en temáticas innovadoras e emerxentes”, detalla Del Pozo. Así mesmo, os socios abordaron a oferta internacional de cursos de verán para os meses de xuño e xullo e insistiuse na importancia de traballar na creación do foro de embaixadores de estudantes ATHENA , así como de avanzar na implementación da European Student Card.
En relación coa liña de traballo centrada na industria, destacouse que se están a manter relacións entre empresas e as universidades co obxectivo de poder coñecer as necesidades do ámbito empresarial e deste xeito ofertar formacións deseñadas para cubrilas. Así mesmo, realizarase un informe sobre o estado do mercado de traballo na área de influencia de cada unha das institucións e fomentaranse as relacións entre os socios a través de iniciativas relacionadas con espazos de creación de prototipos, a chamada ATHENA Co-creation Hub, as feiras de emprego, etc. Sobre infraestruturas a reunión centrouse en saber cal vai ser a plataforma de comunicación e formación entre o profesorado e o alumnado das nove universidades.
Achegas da UVigo sobre a definición dunha gobernanza baseada na igualdade
“As achegas da UVigo son sempre moi valoradas e tidas en conta. Un dos temas principais que se tratou na xuntanza foi a visión e a misión da ATHENA durante a segunda fase e aí a UVigo ten moito que dicir, sobre todo na definición dunha gobernanza baseada na igualdade”, apunta a vicerreitora de Internacionalización da UVigo, que confirma que o encontro tamén lles permitiu ter unha primeira impresión de como se poderían materializar as iniciativas sobre igualdade que se fixeron desde a UVigo na nova proposta, un dos paquetes de traballo que lidera a Universidade de Vigo na solicitude que está a avaliar a comisión.
“Moitos aspectos son comúns ao que xa temos diagnosticado na nosa universidade. O ámbito tecnolóxico está moi masculinizado, o que fai que haxa menos atención a estas cuestións e se reproduza o traballo doméstico académico, a segregación vertical ou que non se coide que os espazos de convivencia sexan igualitarios, por exemplo”, explica Maribel del Pozo, que sinala que a alianza aínda está no proceso de materializarse e estanse a decidir moitos aspectos estruturais nos que non se pode perder a oportunidade de que se integre a perspectiva de xénero porque “a igualdade de xénero é unha cuestión transversal que ten que integrarse en todas as liñas de traballo da alianza, como xa se fai na nosa Universidade”, lembra.
O papel da representación do estudantado
Da xuntanza celebrada en Roma, a vicerreitora de Internacionalización tamén destaca o traballo desenvolvido polo Student Board de ATHENA, formado polos consellos de estudantes (como o Ceuvi, no caso da UVigo) e polos equipos locais de ESN (Erasmus Student Network), que debateron varias propostas para a promoción da universidade que se está a crear. Realizáronse análises das principais vantaxes da alianza para o alumnado, discutíronse ideas para próximos eventos e proxectos por e para estudantes (hackathons, congresos, cursos de formación abertos para os estudantes das universidades da alianza…) e preparáronse as liñas de traballo para os próximos meses. “Converter á UVigo en parte de ATHENA permitirá unha mobilidade moito mais sinxela para os programas Erasmus entre membros da alianza, incrementará a oferta formativa, podendo cursar materias impartidas por docentes doutras universidades e mellorará os programas de prácticas en empresas aumentando a oferta con convenios deseñados para alumnado de ATHENA, sen importar se son da Universidade de Vigo, de Siegen ou de Maribor, por exemplo”, explica Del Pozo.
A vicerreitora de Internacionalización da UVigo valora de xeito moi positivo a integración en ATHENA, “un proxecto apaixonante, que vai supor un salto cualitativo para a Universidade de Vigo. Maior presenza internacional, maiores posibilidades de captación de fondos para investigación, máis capacidade para atraer talento, maiores posibilidades para a inserción laboral dos nosos egresados, etc.”, enumera Del Pozo.