DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o recolle Sergio López na súa tese, presentada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deport

Os socorristas non reciben formación específica para atender a persoas con discapacidade

O investigador deseñou e puxo en práctica un curso para paliar esta falta

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
DUVI 05/02/2013

“O feito de dispor dun certificado profesional que permita desenvolver o labor de salvamento acuático, non garante unha intervención adecuada ante persoas con algunha minusvalía”. Así o recolle a tese de doutoramento de Sergio López presentada na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte e na que analizou o servizo prestado polos socorristas a usuarios en situación de discapacidade. En todos os cursos de Socorrismo Acuático Profesional que se imparten actualmente en España non existe formación sobre o baño para usuarios con algún tipo de invalidez, pero si cada vez máis é unha función dos socorristas “polo que xente sen formación específica está a desempeñar a actividade”.

O investigador Sergio López analizou un total de 522 baños en 23 praias dos concellos de Oleiros (A Coruña), Barreiros (Lugo), Vigo (Pontevedra), Santa Susanna (Barcelona), Blanes (Girona), El Campello (Alicante), San Javier (La Manga) e Muro (Mallorca) e comprobou que o un 53% dos socorristas acuáticos non tiveron ningún tipo de formación no ámbito da discapacidade ou no emprego dos diferentes recursos materiais que interactúan na actividade. Ademais, o 47,25% dos socorristas que si declararon ter formación neste ámbito non a adquiriron nos seus cursos de formación de socorrismo.

Posta en marcha dun curso formativo

Para paliar a falta de formación neste eido, o investigador deseñou e puxo en práctica o Curso de Socorrista Bandeira Azul, para o que contou co apoio do grupo de investigación en Actividades Acuáticas e Socorrismo da Universidade de A Coruña e de ADEAC España, organismo que autoriza o recoñecemento de Bandeira Azul no país. Tras impartir este curso, comprobouse que “canta máis formación teñen os socorristas, tanto discapacitados como familiares e usuarios consideran que a actividade é mellor, ademais de que o profesional afirma sentirse seguro ao poder desempeñar a actividade con maior firmeza”, apunta López. Non obstante, tamén reflicte na súa investigación que a implantación deste servizo vese dificultada pola escaseza de axudas económicas e materiais.

Na mostra analizada, López conclúe que os principais problemas que tiveron os socorristas foron aqueles relacionados coa mobilidade e os desprazamentos dados pola ausencia de pasarelas, de puntos adaptados ou de zonas de sombra específicas. O 90% das persoas enquisadas destaca unha carencia de recursos materiais “e que a masiva influencia aos areais e os cambios bruscos de profundidade tampouco facilita o servizo prestado”, ademais da elevada demanda das administración por implantar un servizo “para o que casualmente eles mesmos non teñen adaptados os espazos comúns para todos, como as pasarelas”.

O caso galego

Curiosamente, tal como recolle López na súa tese de doutoramento, a maior taxa de discapacidade en España dáse en Galicia, con 112,9 por mil habitantes. E a mobilidade é a causa máis común de minusvalía en todas as comunidades autónomas, representando case o 68% de todos os casos. Como consecuencia, a comunidade galega ten cada vez máis praias accesibles, “pero non só aquí, senón en toda España, grazas á concienciación da sociedade e tamén aos criterios que se esixen para ter o distintivo da bandeira azul”. As comunidades que máis adiantadas se encontran neste eido son a catalá e a valenciana.

Outra das cuestións nas que Sergio López fai especial fincapé é na falta de promoción deste servizo entre os propios usuarios, pois só un 26% das persoas en situación de discapacidade coñecía previamente a súa existencia, mentres que un 56% recoñeceu descubrilo in situ, “o que pon de manifesto a escasa divulgación, pois a inmensa maioría decatouse dos servizos de baño a través das propias unidades de socorrismo e salvamento das praias”.