DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O colectivo artístico expoñe 'Ánima e ánimus' no primeiro andar do Edificio Politécnico

Os soños de METT 03.04 inauguran o Outono Fotográfico no campus

É a primeira das seis mostras que acollerán os centros universitarios ata final de ano

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 29/10/2012

A semana pasada presentouse a 30 edición do Outono Fotográfico e este luns chegou o momento de inaugurar a primeira das exposición coas que o campus de Ourense se quere unir a esta cita de referencia para o sector e para a cultura da cidade. O colectivo artístico Miscelánea en Tres Tempos METT 03.04 abriu no primeiro andar do Edificio Politécnico a mostra Ánima e ánimus, unha proposta na que as súas creadas reflexionan e queren provocar unha reflexión no espectador sobre as figuras feminina e masculina no mundo dos soños e dos pesadelos.

María Lameiras, vicerreitora do campus de Ourense, foi unha das primeiras persoas que este luns se puido achegar á mostra para coñecer da man dunha das compoñentes do colectivo, Andrea Valado, as súas características. “Para nós é unha gran satisfacción participar no Outono Fotográfico, un certame de referencia que este ano contará nada menos que con 114 mostras de 471 creadores. No campus comezamos coa exposición do colectivo artístico METT 03.04 e continuaremos con outras cinco mostras de temáticas moi variadas ata o remate de ano”, destacou María Lameiras na visita.

Intercambiando anacos

“Esta exposición xira arredor da figura feminina e masculina no mundo dos soños e dos pesadelos, creando imaxes oníricas e suxerentes que quedan fragmentadas e a disposición do espectador para poder ser manipuladas e crear así novas composicións a partir das imaxes orixinais”, explica Andrea Valado sobre a exposición. Deste xeito, nela pódense ver nove fotografías realizadas por ela e por Silvia Ojea e Bibiana Lorenzo, as outras compoñentes do colectivo e tamén licenciadas en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Cada imaxe está dividida á súa vez en nove anacos que se poden descolgar da parede e intercambiar por outros doutras fotografías. “Son nove fotos fragmentadas a modo de quebracabezas, pois queremos que a mostra se converta nunha exposición interactiva, donde o espectador pode construír a súa propia visualización de soños e pesadelos”, apunta Valado.

As nove fotografías, seguindo cada unha delas o estilo creativo da súa creadora, ofrece unha proposta visual diferente pero todas elas intentan, segundo explican as súas promotoras, “dar vida á teoría en psicoloxía de que no máis profundo de todo home hai unha muller e nas profundidades de toda muller vive unha parte masculina”. Esta idea enmárcase dentro da liña de preocupación deste colectivo polas cuestións de xénero e froito da cal celebrouse en marzo de 2011 no campus de Ourense a iniciativa O ser andróxino na arte, na moda e nos medios de masas.

A mostra estará aberta ao público ata o vindeiro 16 de novembro e ata daquela, agardan as súas creadoras, irá mudando de formas e pesadelos a medida que os membros da comunidade universitaria que o desexen vaian intercambiando as pezas de cada unha das fotografías.