DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Conseguiron 6 medallas no II Campionato Europeo Universitario celebrado en Braga

Os taekwondistas da Universidade de Vigo conquistan Europa

Rusia, que participou coa selección nacional, foi a primeira clasificada

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Noemí Rey DUVI 16/12/2011

Cada vez máis formados, física e intelectualmente. A nova xeración de taekwondistas da Universidade de Vigo vén pisando forte, xa que debutou no II Campionato de Europa Universitario celebrado en Braga (Portugal) colleitando seis medallas, catro pratas e dous bronces. Un “gran éxito” sobre todo tendo en conta que o equipo está en pleno proceso de renovación e que dos 8 deportistas desprazados a terras lusas tan só tres repetían neste campionato organizado pola Asociación Europea de Deporte Universitario (EUSA), pola Federación Portuguesa de Deporte Universitario (FADU) e pola Universidade do Minho. “Iamos só a participar porque o nivel foi moi alto e sen embargo tivemos moitos podios a pesar de todos os contratempos”, asegurou o adestrador do equipo, Salvador Fontán.

O revés máis importante da competición foi a lesión de Miriam Docampo, que non puido chegar a disputar ningún combate por lesión. Outro foi o de David Vidal, un dos veteranos, que perdeu xa na primeira rolda co que sería o campión da súa categoría, o ruso Denis Mikhailov. E é que Rusia foi un dos equipos que máis subiu o nivel entre os participantes, xa que acudiu a este europeo coa súa selección nacional, o que lles permitiu quedar como primeiros clasificados, arrebatándolle o posto á Universidade de Vigo, campiona indiscutible na primeira edición do certame, na que obtivo 12 metais.

“Estamos moi satisfeitos cos resultados, aínda que non conseguimos ningún ouro. Os deportistas estiveron a un gran nivel: das catro finais que xogamos, dúas as perdemos por un punto no último segundo e as outras dúas polo punto de ouro”, subliñou o adestrador. Unhas finais moi axustadas que remataron con prata para Laura Amoedo, Katia Calvar, Lara Ouviña e Pablo Fernández e con bronce para Olaya García e Borja Ríos.

Unha xeración cada vez máis preparada

Ao fronte do equipo da Universidade de Vigo dende hai 14 anos, Fontán asegura que a medida que pasan os anos os deportistas chegan cun nivel moito máis alto e moito máis preocupados polo seu futuro fóra do deporte. “Hai unha tendencia ao deportista estudado e cando chegas a un nacional universitario te atopas con que o 80% son campións absolutos na súa categoría. Os deportistas preocúpanse cada vez máis polo seu futuro e son capaces de facer deporte de alto nivel e sacar unha carreira”, subliñou Fontán. E con esta enerxía renovada o adestrador quere seguir sendo a universidade española con máis campionatos nacionais universitarios e a que maior número de medallas ten a nivel europeo, todo un referente dentro deste deporte.