DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Proxecto piloto da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística nas Xornadas de Automatizació

Os tecnicismos, tamén en galego

Dous intérpretes fan a tradución simultánea de varios relatorios para fomentar o uso en ámbitos espe

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Noemí Rey DUVI 15/11/2012

Como protagonista da conferencia, Stefan Hopper, presidente da Fundación OPC; como tema elixido, a fiabilidade dos datos nos fluxos de información na automatización. O idioma do relatorio, o inglés; o da tradución, por primeira vez, o galego. A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística aproveitou a celebración das Xornadas de Automatización Industrial para levar a cabo un proxecto piloto financiado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta co que darlle visibilidade ao galego como lingua de transferencia de coñecemento en encontros científicos.

Dúas tituladas en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo, María Reimóndez e Doris Fernández, foron as encargadas de pór a primeira pedra deste proxecto, que tenta “potenciar a presenza do galego no ámbito científico-tecnolóxico dende un relatorio de carácter divulgativo a un congreso do máis especializado”, como explicou Paulo Cabral, director da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo. A complexidade é evidente, pero “hai persoal abondo e moi preparado” para levar a cabo iniciativas como estas que axuden “á visibilización do idioma, ao seu prestixio e ao fomento do seu uso en ámbitos” que ata o de agora case non se contemplan.

O resultado da experiencia foi moi positivo, tanto para as intérpretes como para o público. Conectados a través de dispositivos móbiles, foron moitos os asistentes que optaron por empregar a canle en galego ao considerar que se trataba dunha iniciativa "necesaria que debería repetirse" en máis ocasión. As propias tradutoras botaban de menos a presenza da lingua galega no ámbito científico-tecnolóxico, xa que "hai persoal abondo e moi formado para este tipo de eventos". Agora só queda esperar qeu sexa o principio dunha longa traxectoria.

Case catro anos de funcionamento

A Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística creouse en maio de 2009 como un órgano de definición, impulso e coordinación das liñas de actuación para o proceso de normalización lingüística no ámbito universitario. Por iso forman parte del tanto as tres universidades galegas como as secretarías xerais de Universidades e de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Con iniciativas como a das Xornadas de Automatización Industrial o que pretende é abrir unha liña de financiamento para a interpretación ao galego en xornadas de carácter internacional en distintas institucións.

Entre as medidas que este órgano interuniversitario tenta levar a cabo está a de promover a edición de manuais docentes en galego en distintas áreas do coñecementos; impulsar a investigación neste idioma, xa que ata o de agora faise maioritariamente en castelán e inglés; ou o seu uso en simposios e congresos tamén a través do material repartido ou da rotulación.