DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A OMA pon en marcha unha campaña de recollida de terminais en desuso

Os teléfonos móbiles tamén poden axudar a protexer os ecosistemas africanos

Uníndose á iniciativa do Instituto Jane Goodall, co seu punto de mira na da extracción do coltán

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 11/03/2010

Fálase da auga como motivo de futuras grandes guerras no mundo pola súa cada vez máis preocupante escaseza. Pero na actualidade detrás de importantes aínda que silenciados conflitos bélicos está o control do petróleo, das minas de diamante e doutros minerais escasos e, en consecuencia valiosos coma o coltán. Este último é demandado para a fabricación de teléfonos móbiles, ordenadores e consolas de videoxogos, así como para a industria armamentística e boa parte das súas reservas mundiais están na selva da República Democrática do Congo. Neste zona sucédense conflitos bélicos, situacións de escravitudes, millóns de mortos e desprazados e a constante matanza de gorilas, chimpancés e outras especies. Semella un conflito afastado de nós e unha causa polo que pouco podemos facer, pero a Oficina de Medio Ambiente da Universidade, implicouse nunha campaña promovida polo Instituto Jane Goodall para a recollida de móbiles en desuso, co obxectivo de reciclar e reutilizar, reducindo a crecente demanda dos seus compoñentes, entre eles o coltán. Tan só en España están rexistrados 54 millóns de liñas de telefonía móbil, o que implica unha media de máis dunha liña por persoa, e ao que hai que engadir aqueles móbiles en desuso que todos temos e que son o obxectivo desta campaña solidaria.

Obxectivo, protexer os ecosistemas africanos

Baixo o lema Mobilízate pola selva, a OMA desenvolve unha campaña de recollida de teléfonos situando nos tres campus da Universidade colectores específicos, nos que a comunidade universitaria poderá depositar móbiles independentemente de que funcionen ou non, xa que o obxectivo é a reciclaxe das pezas. Coa súa doazón colaborase cos programas de conservación levados a cabo en Congo polo Instituto Jane Goodall como campañas de educación, plantacións, proxectos de desenvolvemento sostible e o mantemento do Centro de rescate de chimpancés de Tchimpounga, pertenecente ao instituto que leva o nome da primatóloga e conservacionista que foi galardoada co Premio Príncipe de Asturias 2003 e nomeada Mensaxeira da Paz polas Nacións Unidas.

Puntos de recollida

A partir de hoxe e ata finais do mes de xullo, a OMA instalará varios colectores, un na conserxería da Facultade de Belas Artes no campus de Pontevedra, que posteriormente se trasladará á EU de Enxeñaría Técnica Forestal; outro na Facultade de Ciencias en Ourense e un terceiro, de carácter itinerante, percorrerá os centros do campus de Vigo. Neste días están dispoñibles xa os de Belas Artes e Ciencias e en Vigo na Facultade de Filoloxía e Tradución.
Con esta iniciativa, que se está a poñer en marcha en diversos puntos do planeta, preténdese reutilizar os terminais móbiles e reducir a demando dos seus compoñente, que como no caso do coltán, producen situacións insostibles para a home e para a natureza. Así pódense reciclar as partes útiles destes teléfonos cun tratamento adecuado a aqueles compoñentes tóxicos e contaminantes ao tempo que tamén se recadan fondos apra programa de educación e conservación na República Democrática do Congo.