DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O campus de Ourense acolleu este martes a súa presentación oficial

Os traballadores sociais crean unha plataforma independente para defender os seus dereitos

A súa primeira actividade será a celebración das Xornadas Traballo Social e Mulleres

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Rosa Tedín DUVI 15/03/2011
O momento de madurez dun colectivo é cando, ademais do traballo persoal, se dá o salto á organización colectiva para conseguir metas que individualmente non son posibles. É o caso dos traballadores sociais, que este martes presentaron no campus de Ourense a Asociación de Traballadores Sociais, unha entidade que nace con vocación autonómica e co obxectivo de reivindicar e potenciar o papel destes profesionais na sociedade.

“O noso obxectivo é constituírnos como unha plataforma independente que contribúa a mellorar a situación dos traballadores sociais e, consecuentemente, das condicións de vida dos cidadáns” salientaba Adrián Nóvoa, presidente da nova entidade. No seu acto de presentación oficial, Nóvoa estivo acompañado pola vicepresidenta da asociación, Rocío Rodríguez; polo seu secretario, Edesio Díaz, e polo vicedecano de Traballo Social, Antonio González.

Entre os obxectivos da nova entidade están, segundo salientou o seu responsable, “reivindicar a figura do traballador social como planificador de políticas sociais, aumentar a súa visibilización, facer orientación laboral, fomentar o emprendemento e acompañar aos futuros profesionais no tránsito do ámbito académico ao profesional”. Para conseguilo, a Asociación de Traballadores Sociais quere converterse nunha “rede de apoio, formación e asesoramento” que axude a rachar cos déficits da súa situación laboral.

Primeiras accións

Nóvoa sinala que coa actual crise e os recortes en gasto social estase “pondo en perigo o estado de benestar” e advirte que se está producindo a paragóxica situación de que cando máis precisa se volve a figura do traballador social menos postos de traballo se crean para este colectivo. Coas convocatorias públicas de prazas pechadas e cunha baixa presenza no sector privado, o responsable da asociación salienta a importancia do nacemento da súa entidade para potenciar o emprego e mellorar as condicións laborais.

Unha vez constituída a entidade abrirase proximamente o prazo para que se poidan asociar os profesionais interesados, dos que preto de 180 xa amosaron o seu interese na entidade a través do grupo creado nas redes sociais. Como primeira actividade, a asociación celebrará os días 16 e 17 de marzo as Xornadas Traballo Social e Mulleres. Durante os dous días de celebración desta actividade, organizada co gallo do Día Internacional da Muller, diferentes especialistas abordarán a través cuestións como os bancos de tempo como ferramenta de conciliación, o concepto de supermuller ou a súa presenza nos medios de comunicación.