DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xornadas “A igualdade na Universidade: amosar e previr o acoso e a violencia”

Os tres campus reflexionarán a vindeira semana sobre as causas da violencia e a prevención en todas as súas formas

Dende o día 30 de novembro ata o 3 de decembro

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
M. Del Río DUVI 23/11/2009

Día tras día, xornais e informativos recollen novas relacionadas coa violencia de xénero. A Universidade como institución de educación pero tamén como actor social e cultural, ten un importante labor de concienciación e de prevención que a próxima semana se traducirá nas xornadas A igualdade na Universidade: amosar e previr o acoso e a violencia. Os tres campus están implicados neste iniciativa que se desenvolverá paralelamente entre os días 30 de novembro e 3 de decembro tanto en Ourense como en Pontevedra e en Vigo organizada pola Área de Igualdade e a Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes.

A responsabilidade das universidades

O papel das universidades vai máis aló da docencia e da investigación e, dende moito tempo atrás, os seus representantes son conscientes do seu papel como xerador de ideas, de cultura, de correntes de opinión e valores e de progreso, non só económico, senón social e cultural. Neste sentido a implicación da Universidade de Vigo coa prevención da violencia, en particular da violencia de xénero, é clara e orientada tanto ao estudantado como aos persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos. Por este motivo, estas xornadas están abertas a toda a comunidade universitaria como unha invitación para “tecer a igualdade”.
Entre os obxectivos desta iniciativa está abordar as causas e factores que inflúen na violencia e nas situacións de acoso, sobre todo dende a perspectiva de xénero. Así, coa achega de expertos e profesionais deste campo, afondarase nos factores sociais e nos psicolóxicos co fin de sensibilizar a toda a comunidade sobre esta problemática, ao tempo que se destaca a necesidade de contar cunha política específica sobre este problema. Baixo o lema Ti contas, as coordinadoras deste programa, as profesoras María Lameiras e Amada Traba e a directora da Área de Igualdade, Carmen Quinteiro, pretenden concienciar a toda a comunidade universitaria da necesidade de visibilizar a existencia de casos de violencia en todas as súas formas así como dar a coñecer algúns dos programas existentes en materia de prevención e os mecanismos xurídicos de actuación en caso de acoso, abuso ou agresión.

Un programa paralelo nos tres campus

Co fin de facilitar a asistencia a todos os interesados, as actividades desta xornada espállanse polos tres campus, comezando co programa o día 30 de novembro no campus de Ourense e retransmitido por videoconferencia aos outros dous campus. Esta primeira xornada comprende a conferencia inaugural da man de Lidia Puigvert, profesora da Socioloxía da Universidade de Barcelona e membro co Consello Asesor de European Policy Action Centre on Violence against Women do Lobby Europeo Mujeres. Puigvert falará sobre as investigacións sobre violencia nas universidades e seguidamente proxectarase un documental.
A segunda xornada, a do 1 de decembro, estará dedicada á violencia sexual na universidade e comprenderá unha mesa redonda en Ourense e a proxección do filme En tierra de hombres, dirixido por Niki Caro, para pechar o día cun debate logo da película. Paralelamente, no campus de Vigo a xornada estará dedicada á violencia sexual e ó acoso laboral na universidade e contará tamén cunha mesa redonda con especialistas en dereito, psicoloxía ou psicopedagoxía e un obradoiro sobre a prevención da violencia nas relacións de parella impartido por Mercedes Oliveira, doutora en Filosofía.
O día 2 de decembro en Ourense as actividades centraranse no acoso laboral con perspectiva de xénero na universidade e terá lugar unha mesa redonda, un obradoiro sobre estratexias de actuación neste contexto e a proxección de Mi piace lavorare, de Francesca Comencini. En Pontevedra, pola súa banda, está dedicado o día á educación e prevención da violencia coa presentación, da man da profesora Amada Traba, sobre A violencia no ámbito universitario e a violencia simbólica, para logo completar as actividades cun debate sobre o Tratamento da violencia nos medios de comunicación e un taller sobre a prevención da violencia nas relacións de parella.
As xornadas péchanse o día 3, con actividades unicamente en Ourense, centradas na educación e na prevención, cunha mesa redonda e un obradoiro de estratexias educativas para previr a violencia no ámbito docente.
A inscrición é de balde e debe realizarse mediante un correo electrónico á seguinte dirección: igualdade@uvigo.es.

Programa completo das xornadas (534.88 Kb)