DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Preparan unha xornada de xogo conxunto para o día 2 de xaneiro

Os tres equipos de baloncesto do campus pechan un ano excelente

O Universitario Campus de Ourense masculino é o líder da Liga da Federación Galega de Baloncesto

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
Rosa Tedín DUVI 22/12/2010
Remata o ano, paran as competicións deportivas uns días e é o momento de botar unha ollada atrás para avaliar 2010 e ver como enfocar o novo ano. Os tres equipos de baloncesto do campus de Ourense fan este balance “moi satisfeitos polos bos resultados acadados polos nosos xogadores e con moi boas expectativas para o que queda de liga”, tal e como salienta Luis Pérez, responsable de baloncesto do campus de Ourense. Non é para menos, xa que o equipo masculino remata primeiro de liga, o masculino júnior de segundo e o feminino, recentemente ascendido, está mediada a táboa.

A sección de baloncesto do campus de Ourense está formada por tres equipos: dous equipos sénior, que son o Universitario Campus Ourense masculino e o Universitario Campus Ourense feminino, e un júnior, o Campus Ourense Blanco Amor e os tres están realizando unha moi boa tempada nas súas respectivas competicións.

O Universitario Campus Ourense masculino, que milita na Liga da Federación Galega de Baloncesto (FGB) sénior, está ao fronte da súa categoría e ata o momento non perdeu ningún dos nove partidos que xogou. En cabeza e invictos, Luis Pérez salienta que agora “o obxectivo que perseguen para 2011 os xogadores que adestra Javier Pérez é quedar entre os dous primeiros postos para xogar a fase de ascenso á Primeira División nacional, tal e como fixeron o ano pasado”.

O equipo feminino sénior, o Universitario Campus de Ourense, atópase nunha situación diferente pero tamén con moi boas expectativas. O equipo, adestrado por Roberto Rapela, ascendeu este ano á liga FGB e como corresponde ao primeiro ano o seu obxectivo é manterse e consolidarse nesta categoría. Con dez partidos xogados, cinco derrotas e cinco vitorias, as xogadoras ourensás están no medio da táboa con “certa tranquilidade pero loitando por manterse nunha competición que está moi igualada”, segundo destaca o responsable deste sección do campus.

Facendo canteira

Por último, o campus de Ourense conta cun equipo na categoría júnior masculina da liga FGB, onde xogan os dez mellores equipos galegos da categoría. Trátase do Campus Ourense Blanco Amor, froito da vinculación da Universidade de Vigo co instituto ourensán do mesmo nome. O Blanco Amor, adestrado por Rubén Cortón, é segundo na táboa e invicto, con catro vitorias de catro partidos xogados. O seu obxectivo para 2011, “continuar formando aos xogadores o mellor posible para que, ademais de competir na súa liga, poidan subir e xogar ao equipo sénior”, como apunta Luis Pérez.

A competición sénior retómase a fin de semana do 8 de xaneiro e a júnior a semana seguinte, pero este parón da competición está sendo aproveitado polos xogadores para continuar adestrando e para preparar unha xornada conxunta dos tres equipos, probablemente o vindeiro 2 de xaneiro no Instituto Blanco Amor. O encontro, aberto ao público, pretende ser un encontro lúdico no que os máis novos coñezan e compartan xogo cos seus compañeiros de categorías superiores.