DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nun curso de Extensión dirixido por Alberto Vaquero

Os tributos que máis afectan aos contribuintes persoais, a estudo

Do 22 ao 29 de xuño no Edificio Xurídico-Empresarial

Etiquetas
  • Ourense
  • Cultura
Noelia V. Vilanova DUVI 10/06/2009

O curso A nova fiscalidade das persoas físicas: liquidación e planificación do comportamento fiscal, un dos decanos do campus, logrou superar o seu éxito habitual nesta novena edición; días antes de pecharse o período de inscrición, xa se cubriran as 50 ofertadas. Se ben a maioría dos matriculados son estudantes da Universidade de Vigo, especialmente da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, cada ano aumenta o interese por este tipo de formación entre as persoas alleas ao campus.
As sesións, que terán lugar do 22 ao 29 de xuño no salón de graos do Edificio Xurídico-Empresarial, buscan “analizar a fiscalidade das persoas físicas a través do estudo dos tributos que máis afectan aos contribuíntes persoais: o Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas, IRPF, e o Imposto sobre Sucesións e Doazóns, ISD”, explica Alberto Vaquero, un dos directores do curso. Ao finalizar as clases, os participantes disporán de coñecementos suficientes como para “saber liquidar ambos impostos e planificar fiscalmente o seu comportamento”. Ademais, coñecerán de primeira man como efectuar as súas autoliquidacións con programas oficiais de declaración da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT) e da Consellería de Facenda.

Afondando na fiscalidade

O curso que forma parte da oferta da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes preséntase cun esquema que avanza dende o máis xeral ao máis específico. Adicaranse cinco sesións ao IRPF e unha ao ISD, “ofrecendo unha visión teórico-práctica de como funcionan estas dúas figuras impositivas”, indica Vaquero. No tocante ao profesorado, o seminario contará cunha “presenza equilibrada entre docentes universitarios e profesionais de recoñecido prestixio”. O 50% do curso impartirano asesores fiscais, profesores da Universidade de Vigo e un subinspector da AEAT, que falarán entre outras cousas da liquidación básica do IRPF, da fiscalidade internacional deste imposto, das decisións sobre aforro e investimento e de como interpoñer un recurso ante a AEAT.
A medida que se avance nos contidos teóricos iranse realizando as prácticas. Ademais en cada un dos módulos faranse “sesións de ordenador para que se vexa in situ como liquidar os impostos”.
No tocante ás ferramentas informáticas, os alumnos aprenderán a empregar o Programa de Axuda para a Declaración da Renda (PADRE) que “facilita claramente o cumprimento das obrigacións fiscais”, e o programa de Axuda para a Liquidación do Imposto de Sucesións (ALIS), para a autoliquidación das herdanzas.

Fiscalidade de aforro, herdanzas e doazóns

O propio director do curso, Vaquero, encargarase de impartir dúas conferencias. A primeira afondará sobre a fiscalidade de aforro, “un tema moi interesante, xa que permite certo marxe para planificar o comportamento fiscal”. No seu relatorio Vaquero explicará que non é o mesmo investir nun plan de pensións que nun de xubilacións, nin tampouco optar por un fondo de investimento ou un seguro de vida. “A casuística fiscal ten un marxe moi amplo cando se trata de rendementos do capital e ganancias e perdas de patrimonio”. Na segunda sesión impartida por Vaquero trataranse as cuestións básicas do ISD. No tocante a este tributo, convén estar actualizado das novas fiscais que supuxo a aprobación da recente normativa deste imposto en Galicia, xa que “é un dos que máis recada na nosa rexión e que grava a un importante número de operacións, tanto en herdanzas, transmisións mortis-causa, como doazóns, inter-vivos”.