DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A través dunha retroespectiva da vida de Marina Abramovic analizada por Miguel Fernández Cid

Os últimos corenta anos das performance estudaranse na Facultade de Belas Artes

A cita será este xoves 25 de abril ás 19.00 horas no salón de actos da facultade

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Iolanda Fernández DUVI 23/04/2013

Podemos considerar as performance unha expresión artística? Dar resposta a esta pregunta é o principal obxectivo que perseguen a proxección da película documental Marina Abramovic: The Artis is Present, dirixida por Matthew Akers, e mais a conferencia do director da Fundación Gonzalo Torrente Ballester, Miguel Fernández Cid, que terá lugar este xoves, 25 de abril, ás 19.00 horas, no salón de actos da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Esta xornada, organizada pola profesora Yolanda Herranz Pascual, conta co patrocinio do Vicerreitoría do campus de Pontevedra.

Para afondar neste debate, en primeiro lugar, proxectarase, na súa versión orixinal –inglés- con subtítulos en español, un documental biográfico sobre a artista serbia Marina Abramovic quen define por si soa a arte da performance nos últimos corenta anos. Na cinta, presentada nos festivais de Sundance e Berlín, séguese a vida da artista mentres se prepara para o que pode ser o momento máis importante da súa vida: unha gran retrospectiva da súa obra no Museo de Arte Moderno de New York. Para os espectadores, o visionado deste documental supón a posibilidade de afondar nun eterno dilema: a arte e as performance van da man?

A maiores, con este proxecto, a Facultade de Belas Artes persegue achegar a comunidade universitaria e a sociedade en xeral á figura de Marina Abramovic segundo comenta a organizadora da xornada, a profesora Herranz. Coñecer “o límite do corpo humano a través do documental e achegarnos ao Museo de Arte Moderno de New York” son outros dos alicientes que presenta esta iniciativa que pretende contar co apio do público pontevedrés.

Conferencia da man un experto
Para completar a xornada, o programa recolle a conferencia de Miguel Fernández Cid, licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid (1978) e profesor da Universidade de Vigo entre os anos 1993 e 1995. Crítico de arte en diversas revistas e xornais, entre eles Diario 16 e ABC, foi director no Centro Galego de Arte Contemporáneo (1998-2005) e baixo a súa xestión presentáronse mostras de artistas coma Giusepp Penone, Jügen Partenheimer, Rafael Baixeras, Francisco Leiro, Rebeca Horn, Georges Rouse, Stephan Balkenhol, Darío Villalba ou Peter Wüthrich.