DUVI

Diario da Universidade de Vigo

As xornadas acadan este curso a décima edición

Os universitarios buscan no Forumemprego unha porta aberta ao mercado laboral europeo

Comezou onte en Ourense e remata este venres en Pontevedra

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 19/05/2011
Están a piques de rematar os seus estudos e un tanto desanimados pola situación actual do mercado laboral pero, lonxe de quedar de brazos cruzados “hai que buscar alternativas e pórnos ao día sobre o que Europa nos ofrece”. Así se expresou Cristina Bascuas, alumna de Enxeñaría Técnica Industrial nunha das pausas do Forumemprego 2011, Décimas Xornadas Universitarias de Emprego Galicia/Norte de Portugal, que hoxe recalaron en Vigo, tras botar a andar este mércores no campus de Ourense.

A coincidencia co período de exames provocou que este ano a cifra de matriculados, situada en Vigo arredor de 70 alumnos e alumnas de diferentes titulacións, sexa inferior a doutras edicións “nas que eramos moitos máis”, apuntou Bascuas, unha ‘clásica’ desta cita. “Nesta ocasión interésame, sobre todo, informarme sobre a realización de prácticas noutros países da Unión Europea”, subliñou, un aspecto no que se centrou a primeira das intervencións, impartida polo vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández. Ademais de explicarlles en detalle as principais características do programa Erasmus-Prácticas, o vicerreitor, insistiulles na data do 15 de xuño, como “data límite” para inscribirse nun programa que lles permite realizar prácticas de tres a seis meses en empresas de 33 países do denominado Espazo Europeo de Educación Superior.

Tamén pensando nas posibilidades de emprego en Europa, se matriculou no encontro Diego Rodríguez, que admite que ata hai ben pouco non barallara a posibilidade de marchar traballar fóra, “xa que os idiomas sempre me tiraron para atrás, pero, dada a difícil situación que se está a vivir aquí en España agora é algo que non descarto”, engadiu. Desde o seu punto de vista, destacou o interese que poden ter servizos como Eures, o Servizo Europeo de Empleo, un aspecto no que centrou a súa intervención Teresa González Ventín, coordinadora do Eures Transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal.

A importancia de “pórse ao día”

Para Pilar Vázquez, estudante da ETSE de Minas, o Forumemprego é “máis ca nada un bo punto de información no que pórse ao día”. Oportunidades para isto non lle faltarán, xa que cun programa concentrado nun só día, os matriculados teñen a oportunidade de achegarse a Europa como escenario para a formación e o emprego desde diferentes puntos de vista. A responsable de Recursos Humanos de Deloitte SL explicaralles esta tarde como afrontar un proceso de selección e, a directora de Emprego e Formación de Universia, Beatriz Sevillano, centrarase no emprego e nas prácticas internacionais, mentres que dende o Ministerio de Educación, Flora Gil, xefa da Unidade Española de Eurydice, centrarase nas vantaxes que pode achegarlles a rede europea de información sobre educación.

Un programa ‘moi práctico’

Emilia Seoane, conselleira Eures da Universidade e coordinadora das xornadas, foi a encargada de impartir unha sesión práctica na que os asistentes tiveron a oportunidade de aprender a realizar o seu propio currículo Europass, “un recurso e unha ferramenta que tendes que ter e manexar”, insistiulles a coordinadora, facendo fincapé na importancia “de que amosedes de xeito correcto os vosos coñecementos e actitudes en Europa, pois só así podedes ser competitivos”. Nunha intervención, na que tamén lles falou do Suplemento europeo ao título e do Pasaporte de Linguas Europeas, a conselleira Eures insistiu nas vantaxes do sistema Europass como a mellor maneira de axudar aos cidadáns europeos a comunicar de maneira eficiente as súas cualificacións e competencias profesionais.
Tras o seu paso por Ourense e Vigo, o Forumemprego trasladarase mañá venres ao salón de graos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no campus de Pontevedra.