DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O alumnado do curso de mobilidade realizou este xoves a Senda Ciclable á beira do río Miño

Os universitarios collen a bicicleta para reivindicar o seu uso

A iniciativa tamén quixo amosar a fraxilidade deste transporte fronte aos coches nos tramos urbanos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/03/2012

A Senda Ciclabe que bordea o río Miño é moi empregada polos ourensáns para camiñar, para correr e para andar en bicicleta. Este xoves, o alumnado do V Curso de Extensión Universitaria sobre Mobilidade e Prevención para a Xuventude uniuse a esta ruta coas súas bicicletas para reivindicar o uso deste medio de transporte na cidade e para amosar como debe ser o seu emprego fronte a vehículos e peóns. Por unhas horas os universitarios mudaron as aulas por unha divertida sesión de concienciación ambiental e cidadán.

“O alumnado puido comprobar as diferentes facetas do ciclista en vía urbana: como elemento fráxil fronte aos vehículos, no tramo de cidade e como elemento forte que debe ceder a prioridade aos peóns e respectar a súa presncia na senda”, explicou Angélica Ferro, responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus que imparte este obradoiro, composto por unidades didácticas e talleres prácticos sobre a prevención de accidentes de tráfico entre a mocidade.

A acción consistiu nun percorrido urbano realizado en bicicleta polos 25 alumnos do curso. O itinerario partiu do campus e percorreu as rúas Alfonso Rodríguez Castelao, A Habana, Pardo de Cela e os paseos da Senda Ciclable das ribeiras do río Miño. Na actividade os participantes, entre os que estaba Susana Bayo, concelleira de Seguridade, Medio Ambiente e Mobilidade de Ourense, puideron comprobar en primeira persoa as dificultades de moverse con este vehículo entre os coches e a necesidade de respectar aos peóns nun percorrido cun importante fluxo de cidadáns, sobre todo coa chegada do bo tempo.

Despois desta actividade e de realizar unha acción de concienciación contra os atropelos de peóns nun céntrico semáforo da cidade coa colaboración da Asociación de Mobilidade e Prevención de Accidentes de Tráfico, P(A)T Galicia, o curso continúa cunha programación que a vindeira semana incluirá unha práctica de radar cos axentes da Garda Civil de Tráfico de Ourense e coa visita de Paz Villar, técnica de sanidade que falará aos universitarios sobre os perigos do consumo do alcol e outras sustancias durante a condución.