DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Nunha actividade do Obradoiro de Mobilidade e da Garda Civil de Tráfico de Ourense

Os universitarios póñense detrás do radar para concienciar sobre o exceso de velocidade

Situados na Estrada de Trives, os estudantes aprenderon o funcionamento destes aparellos

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 20/03/2012

A OU 536, a Estrada de Trives, é unha vía principal de comunicación da cidade de Ourense que divide en dous o campus universitario. Polo tanto é un punto de circulación intensa de vehículos e tamén de peóns. Para realizar un pequeno estudo sobre o exceso de velocidade neste lugar e sobre todo como acción de concienciación vial, o alumnado do Obradoiro de Mobilidade e Prevención para a Xuventude estivo este martes cos axentes da Garda Civil de Tráfico de Ourense aprendendo in situ como funciona un radar e cal é o seu traballo diario.

Para levar a cabo esta iniciativa, organizada polo Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense en colaboración coa Asociación P(A)T Galicia e co Concello de Ourense, o Subsector da Garda Civil de Tráfico desprazou ata o campus tres dous seus axentes e dous radar, un fixo empregado desde un vehículo e outro láser para usar a pé de estrada. Durante a actividade, os axentes explicaron aos universitarios o funcionamento pormenorizado destes aparellos e do seu traballo diario.

“A velocidade é unha das principais causas de sinistralidade na mocidade e con esta actividade queremos que os universitarios sexan máis conscientes do perigo da velocidade excesiva ou inadecuada nas vías urbana e da importancia da educación en valores como a responsabilidade ou o respecto mutuo no uso dos espazos públicos”, salientou Angélica Ferro durante a realización da actividade.

Tomar máis en serio os límites

Alén de coñecer o funcionamento e manexo destes aparatos de precisión, os alumnos tamén levaron a cabo unha pequena recollida de datos sobre os diferentes tipos de vehículos que pasaron diante do radar durante a realización da actividade por esa estrada e as velocidades ás que circulan. Por unha hora, os universitarios puideron pórse na pel dun axente da Garda Civil de Tráfico e ser eles os que tomaran nota dos excesos de velocidade nun tramo no que o máximo permitido é 40 quilómetros por hora.

“Nos circuítos córrese e nas estradas circúlase”. Deste xeito resumía Maxi Cid, responsible de P(A)T Galicia, a idea que durante a actividade quixeron transmitir aos estudantes participantes. “É necesario que toda a poboación, os mozos pero tamén os non tan mozos, tomen máis en serio o cumprimento dos límites de velocidade porque é un dos principais factores de mortalidade nas estradas”, apuntaron os axentes.