DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ciencias Empresariais e Turismo e o Colexio de Economistas entregaron este martes os seus galardóns

Os V Premios de Investigación distinguen estudos sobre o cálculo do prezo da vivenda e o capital intelectual en grandes hoteis

Están destinados a pór en valor os mellores traballos fin de grao do centro ourensán

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 21/11/2017

No marco do Foro Economía e Sociedade, a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense entregaron este martes os seus V Premios de Investigación, destinados a distinguir os mellores traballos fin de grao presentados por alumnado do centro. No Grao en Administración e Dirección de Empresas o premiado foi Iván Míguez, por un estudo sobre os factores determinantes do prezo da vivenda na cidade de Ourense. No Grao en Turismo, a galardoada foi Andrea García, por unha análise da xestión do capital intelectual nos grandes hoteis galegos. Ademais, entregáronse tres accésits sobre temas como a influencia dos xefes de servizo no rendemento hospitalario, a valoración da marca Q de Calidade e o Programa de Clemencia.

Durante acto, Elena Rivo, decano da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, lembrou como a estes premios só concorren os traballos fin de grao do centro que acadaron unha nota mínima dun nove polo que destacou “o orgullo que supón para esta facultade que cada vez sexan máis os traballos que están optando a eles”. “Póndenolo moi difícil”, recalcou Guillermo Díez, presidente do Colexio de Economistas de Ourense, facendo fincapé na cada vez maior calidade dos traballos presentados a esta iniciativa nada no marco do convenio de colaboración existente entre o órgano colexial e a facultade ourensán. Tamén incidindo no talento forxado nas aulas, Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense, destacou na súa intervención como “aquí hai potenciais empresarios e empresarios de éxito”. O presidente provincial fixo fincapé na importancia destes galardóns tendo en conta que “falar de economía é falar de futuro” e destacando o compromiso da facultade co desenvolvemento da provincia.

Dous primeiros premios

O traballo de Iván Míguez levou por título Factores determinantes do prezo da vivenda da cidade de Ourense. Unha aplicación econométrica baseada no método dos prezos hedónicos e estivo titorizado polo profesor Marcos Álvarez. Segundo explica o galardoado, o seu traballo tivo como obxectivo comparar o prezo das vivendas en Ourense e coñecer a que características se lles dá maior importancia. “Obtivéronse nos resultados finais que o que lle dá un maior prezo a unha vivenda en Ourense son os metros cadrados de superficie, o número de trasteiros, a proximidade ao centro da cidade e se o piso ten terraza e se é un dúplex”, sinala o egresado. Os resultados, detalla, permiten “definir o prezo dunha vivenda a partir dunha definición destas características. Isto é, se queremos coñecer o prezo dunha vivenda cunha superficie determinada, un número de trasteiros determinados, próximo ao centro, con ou sen terraza e sendo ou non dúplex, só teremos que intercambiar as diferentes variables na función final para obter o prezo estimado desta”.

Pola súa banda, o traballo fin de grao de Andrea García levou por título Estudo sobre a aplicación do capital intelectual nas empresas de aloxamento hoteleiro de alta categoría en Galicia e tivo como titora a Mª Montserrat Cruz. Froito das enquisas realizadas a galardoada sinala que “puidemos ver que a maioría das empresas hoteleiras galegas seguen tendo estruturas empresariais pobres en canto a capital intelectual, xa que este concepto é case nulo entre as mesmas”. Á hora de entender esta “falta de adaptación aos novos tempos”, apunta que “un gran número dos hoteis de Galicia seguen sendo de tamaño reducido e familiares, polo que lles custa máis modificar a forma de xestionarse e adaptarse aos novos cambios”.

Tres accésits

Concedéronse ademais tres accésit. Un deles foi para Estefanía Hermida polo seu traballo fin de grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) Xefes de servizo e sistema de control de xestión. O seu efecto sobre o rendemento hospitalario, titorizado pola docente María Beatriz González. Segundo explica a egresada, o seu estudo tivo como propósito “ver a influencia que sobre o rendemento hospitalario teñen as características do xefe de servizo ou, na súa falla, do xefe de sección, a vinculación laboral dos facultativos co centro sanitario e o uso que estes responsables fan do sistema de control de xestión. “Os resultados amosan que só a variable formativa, a referida ao ámbito profesional, o rendemento investigador e o desempeño do propio sistema de control de xestión son significativas sobre o tempo medio de espera, variable coa que medimos o rendemento do servizo”, detalla a galardoada.

Outro dos accésit, tamén no Grao en ADE, foi para Teresa Cid, polo traballo A colusión e os acordos horizontais: Programa de Clemencia, titorizado por José María Chamorro. Nel analiza os casos sancionados polo Programa de Clemencia, instrumento creado para detectar e destruír a creación mantemento dos “cárteles” levados a cabo por empresas competidoras, concluíndo que “esta nova figura resulta enormemente eficiente e eficaz no seu cometido". Por último, tamén se concedeu no Grao en Turismo un accésit ao traballo de Sofía Díaz A imaxe da marca Q de calidade turística, titorizado por María de la Cruz. “Os resultados obtidos permiten concluír que o grao de coñecemento desta marca é preocupantemente moi baixo, pois o 33,33% dos enquisados afirmaron non recoñecela. En canto ao valor de marca, obsérvase unha valoración alta (3,15)”, comenta a galardoada.

Conferencia sobre diversificación estratéxica

O acto contou tamén cunha conferencia de Eloy Pérez, conselleiro delegado de UNVI (Grupo Pérez Rumbao) sobre a diversificación estratéxica do negocio na empresa familiar. Durante a súa intervención explicou ao alumnado presente as orixes do grupo e a súa evolución facendo fincapé en como “a realidade nos empuxou a diversificarnos” e como “é necesario diversificarse, cos riscos que iso significa, para evitar outros riscos maiores no futuro”. O conselleiro delegado de UNVI expuxo casos de éxito da entidade, destacando datos de UNVI, dedicada á fabricación de carrocerías de autobuses non convencionais, como 700 vehículos fabricados ao ano e un 80% de exportación. Eloy Pérez quixo tamén animar ao alumnado presente a aproveitar “a plataforma magnífica” que supón a Universidade e o idade na que están para formarse, aprender idiomas e tomar a iniciativa.