DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Os valores sociais de xénero seguen marcando a escolla de especialidades nos estudos de Ciencias da Educación

Así o conclúe un estudo sobre a evolución das matrículas nas tres universidades galegas do profesor

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Camino Carballeira DUVI 30/09/2009

Poucos coñecen o seu nome pero María Elena Maseras foi a primeira muller en matricularse nunha facultade española. Era 1872 e, desde ese primeiro paso, as mulleres foron conquistando espazos na Universidade e xa queda moi lonxe o día en que tiñan que pedir un permiso especial á autoridades académicas para estudar. A incorporación máis intensiva produciuse nos últimos trinta anos e, sen embargo, esta non se viu reflectida cunha distribución equitativa por sexos nas diferentes titulacións. Un caso curioso é o dos estudos de Ciencias da Educación: todas as especialidades están feminizadas en maior ou menor grao, agás a de Educación Física, cunha clara hexemonía de matrículas masculinas. Abordar as causas desta desigualdade foi o obxectivo que Benxamín Porto, profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, se marcou nun estudo que recolle datos das tres universidades galegas.
Os datos analizados amosan que "case dous de cada tres alumnos matriculados en Educación Física son homes e que as mulleres son maioría nas especialidades de profesorado", apunta Porto. Estas diferenzas atopadas nos distintos centros, titulacións e universidades amosan unha fenda persistente entre sexos, con variacións interanuais moi pequenas que non indican unha converxencia da tendencia a curto e medio prazo. Segundo a dispoñibilidade das diferentes universidades, a investigación presenta datos de períodos de sete anos atrás (no caso da UDC) ata os 14 da propia Universidade de Vigo, por iso Porto tamén apunta, con cautela, “que o período estudado non é moi extenso”, máis tendo en conta que “os cambios sociais e de valores son moi lentos”.
O interese por coñecer as causas subxacentes deste desequilibrio chegou “da propia docencia e de ver como todos os anos había diferenzas entre o reparto das mozas e dos mozos”. Que inflúe na decisión do futuro alumnado de optar por unha especialidade ou outra? Porto partiu da base de que este feito diferencial responde a “determinantes de natureza social e non só a decisións individuais dos estudantes”. Máis, tendo en conta a estabilidade da tendencia ao longo de tempo, “que indica que estamos ante un fenómeno estrutural e non só conxuntural”. As conclusións apuntan, fundamentalmente, a que a elección preferente polo rol educativo nas mulleres e deportivo no caso dos varóns, responde a crenza “de que é a mellor elección nunha contorna dada”. Deste xeito, “os mozos e mozas están amosando preferencias para compracer as expectativas dos valores sociais de xénero presentes na sociedade”.
Ao mesmo tempo, Porto sinala no seu estudo unha sorte de gradación dos valores que realzan a feminidade, pasando por intermedios e chegando ao outro extremo, no que se situarían os masculinos. Así, nun extremo situaríanse os estudos sobre educación en audición, infantil, especial e outras especializacións que continuarían cara ás posicións medias do conxunto, onde se situaría a educación musical e no outro extremo situaríase a actividade física e deportiva.

Probas físicas da licenciatura e o estigma do INEF

Precisamente por iso, Porto puido comprobar o mesmo fenómeno no caso dos estudos da Licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte. Neste caso en concreto, o requisito de superación dunhas probas físicas para entrar na licenciatura fixo pensar a Porto que sería un hándicap para a entrada das mulleres. Sen embargo, esa hipótese foi desbotada ao estudar as marcas esixidas. "Para elas son máis baixas e benefícianas en maior medida”, explica. “O problema”, insiste Porto, “é a demanda feminina destes estudos”. E unha vez máis, o por que hai que atopalo nos valores tradicionais de xénero.
A masculinización do alumnado de Educación Física e da licenciatura en Ciencias da Actividade Física e do Deporte varía entre o 60% da Universidade de Vigo e o 75% da licenciatura da Coruña, que presenta a taxa máis alta. Este feito, segundo sinala Porto, pode explicarse “pola súa maior antigüidade e tradición xa que iniciou a súa andaina en 1987 como Instituto Nacional de Educación Física (INEF) e está asociada a unha representación colectiva que lle atribúe un imaxinario masculinizante”.