DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Do 10 ao 13 de decembro en Pontevedra

Os vencellos da lusofonía estréitanse coa sexta edición de “Cantos na Maré”

A Casa das Campás acollerá a sección “CNM Documental”

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Camino Carballeira DUVI 03/12/2008

O que empezou sendo un espectáculo musical transformouse, co paso dos anos, nun punto de encontro transcultural da lusofonía. Eses lazos que unen puntos tan afastados no mapa xeográfico refórzanse, unha vez máis, no Festival Internacional Cantos na Maré que se celebrará do 10 ao 13 de decembro en Pontevedra. Na cita, organizada polo Concello de Pontevedra e a Consellería de Cultura, a Universidade ten un papel destacado xa que a Casa das Campás actúa como anfitriona da sección CNM Documental, que servirá de acercamento a outras formas de facer música.
O prato forte de toda a programación de Cantos na Maré, chegará o día 13 co espectáculo musical. Como sinalou a concelleira de Cultura, Lola Dopico, trátase “de algo especial, diferente, baseado na construción colectiva” xa que se formará un grupo de diversos cantantes unidos ese mesmo día con motivo de CNM 2008. O espectáculo servirá para reflexar a diversidade e riqueza da convivencia entre as músicas e as culturas que se darán cita no Pazo da Cultura. Os artistas reunidos responden á filosofía do festival que, como apuntou a directora artística, Uxía Senlle, “é a descuberta de novos valores da música da lusofonía e a homenaxe aos grandes compositores”. Paulinho Moska, do Brasil; Sara Tavares, de Cabo Verde; Waldemar Bastos, en representación de Angola; Sergio Godinho, de Portugal e o galego Xabier Díaz subirán ao escenario cunha banda igualmente representativa do mapa lusófono. A venda anticipada de entradas realizarase desde hoxe en www.caixagalicia.es ou no 902 43 44 43 a un prezo de 10 euros; en taquilla as entradas poderán retirarse por 12 euros no Teatro Principal ou no Pazo da Cultura o mesmo día do concerto a partir das 19.30 horas.
Tal e como indicou a delegada da Consellería de Cultura, María Xesús López, o festival serve para “dar visibilidade á nosa cultura fóra das feiras e crear un foro de debate e experimentación”. E é que froito deses días de convivencia que dan lugar á creación conxunta, teñen xurdido outros proxectos entre artistas de diferentes procedencias. O fomento desas relacións é o obxectivo de CNM Rede, que pretende tecer unha rede que perdure entre axentes culturais internacionais e outros perfís profesionais relacionados coa creación e produción artística. A outro nivel, tamén se producirán encontros entre artistas e estudantes de secundaria e os nenos da Aula de Folque Infantil de Pontevedra. Unha das experiencias “recordadas con máis cariño” das anteriores edicións, segundo confesou Uxía Senlle.

Ciclo de cinema lusófono

Co fin de achegar a todos os interesados as raíces que amosan en imaxe o desenvolvemento musical e cultural de distintos territorios da lusofonía, planificouse unha sección documental que se iniciará o mércores coa proxección de Todo reflorecido, de Pedro Costa. O xoves será o turno de Mika Kaurismáki e Brasileirinho, un documental sobre o choro, a primeira corrente musical brasileira urbana que comezou a desenvolverse arredor de 1870. A última proxección prevista é a de Manoel Oliveira, No a la vanagloria de mandar, un filme emprazado durante a guerra colonial portuguesa en África. Todos os pases, abertos a todo o público, realizaranse ás 20.00 horas.