DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Teatro Vidal Bolaño acolle o proxecto ‘Rosalía 21’

Os versos de Rosalía, a ritmo de jazz

Abe Rábade, Guadi Galego e Anxo Angueira fan unha renovación estética da obra da poetisa galega

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 23/03/2011

Novos tempos, vellos versos… pero adaptados ao século XXI. É a proposta do espectáculo Rosalía 21, que esta tarde encheu o escenario do Teatro Vidal Bolaño baixo a batuta de tres artistas de luxo: o pianista Abe Rádabe, a vocalista e gaiteira Guadi Galego e o poeta e profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución, Anxo Angueira. Un espectáculo multimedia que fai unha lectura contemporánea da obra de Rosalía de Castro, figura central do Rexurdimento da literatura galega. O obxectivo: fuxir da envoltura superficial do poemario da galega e dar un paso adiante na renovación estética da temática rosaliana, adaptando melodía, timbre, harmonía e ritmo ás modernidades ao novo milenio. Para facelo, nada mellor que empregar un estilo que lle vén como anel ao dedo, que encadra á perfección a voz grave e profunda que Rosalía de Castro compaxina coa ledicia nos seus versos: o jazz.

O proxecto, do que tamén forman parte un libro e un disco, pretende reivindicar os textos esquecidos da poetisa galega que adquiren unha nova dimensión de actualidade dous séculos despois de reflectir no papel o seu espírito crítico, afastando a súa imaxe dos tópicos que lle foron impostos e que a presentan como unha muller valente, loitadora e feminista. Novos aires para a música galega da man de Rábade ao piano e na composición e con Galego e Angueira poñéndolle voz aos versos da poetisa galega.

Os primeiros bosquexos de Rosalía 21 tomaron forma no ano 2007 na imaxinación de Anxo Angueira, aínda que tardaría un ano en saír á luz en forma de traballo discográfico no que xunto a Rábade e Galego colaboran Jesús Santandreu no saxo tenor, Nelson Cascais no contrabaixo e Bruno Pedroso na batería. Logo da súa estrea na Habana, en Cuba, é a primeira vez que o espectáculo sube a un escenario do sur de Galicia.

Na vindeira parada, maxia

A programación cultural da Universidade de Vigo continuará a vindeira semana con teatro de rúa. O mércores 30 de marzo (14.00 horas) o ilusionista Dani García tomará o Centro Comercial da Cidade Universitaria con Acción, un espectáculo de maxia de pequeno e mediano formato no que a orixinalidade, a comedia e o drama xúntanse para facer pasar ao público dun rato inesquecible. Ollo, que de alí non sairá ninguén sen ter que colaborar co mago nalgunha das súas andainas.