DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Catro estudantes de Belas Artes analizan no documental 'Blow the Cartridge' a situación deste sector

Os videoxogos buscan o seu espazo na universidade

Os alumnos defenden a creación de graos públicos e especializados nesta materia

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 17/01/2014

A súa afección polos videoxogos levou a Alberto Abal, Rubén Calles, Francisco Pérez e Irene Ríos, catro estudantes de Belas Artes, a preguntarse en máis dunha ocasión se diso que tanto lles gustaba poderían vivir algún día. Esa é a dúbida que tentan resolver en Blow the Cartridge, unha curtametraxe documental na que analizan se os videoxogos son unha industria con futuro en España. A súa conclusión é que si. “Sen dúbida, pero necesita de máis apoios”, afirma Abal, que ve fundamental que as universidades "comecen a ofertar graos públicos dos que saían os futuros profesionais”.

Co-director xunto con Rubén Calles do documental que acumula máis de 14.000 reproducións na rede, Abal explica que o ensino especializado en videoxogos “aínda está en cueiros e en mans privadas”, como puideron constatar na propia gravación desta curtametraxe, para a que visitaron academias especializadas e empresas dedicadas ao desenvolvemento destes produtos. Das diferentes entrevistas, que realizaron tanto en Galicia como en Madrid, os estudantes concluíron que é no mercado independente onde está o futuro desta industria. “Estamos volvendo en gran medida ao modelo que tiñamos na década de 1980 e que nos levou á cima do software internacional; pequenos estudios con produtos moi persoais que se fan un oco nun mercado que a día de hoxe demanda propostas independentes e orixinais”, salienta Abal. Na outra banda, explica, atópanse as empresas centradas en grandes producións, que precisan dun importante investimento económico, o que nestes tempos de crise só deixa espazo para que “sobrevivan unhas poucas”.

Un relato en primeira persoa

Na propia Facultade de Belas Artes de Pontevedra dá comezo o documental no que Rubén Calles se sitúa diante da cámara para entrevistar a unha serie de profesionais e tratar de dar resposta á pregunta que motivou Blow the Cartridge. “Buscábamos trasladar ao público a experiencia dun mozo cun soño que busca o seu sitio, non simplemente achegar unha panorámica do estado da industria”, afirma. Calles é responsable, xunto con Alberto Abal, do guión, a dirección e a montaxe desta curtametraxe, na que Irene Ríos e Francisco Pérez se ocuparon de tarefas como a gravación do son, o apoio técnico ou a documentación. Así mesmo, este grupo de alumnos tamén contou co “pleno apoio” dos profesores do Departamento de Debuxo Sol Alonso e Fernando Suárez.

O potencial artístico do videoxogo

No propio inicio do documental, saliéntase que no ano 2009 os videoxogos foron declarados ben cultural no Congreso dos Deputados, o que é entendido polos autores de Blow the Cartridge, “fanáticos dos videoxogos desde cativos”, como unha oportunidade para o impulso do sector. De feito, tanto Calles como Abal ven un gran potencial artístico no desenvolvemento de videoxogos e destacan que “nunha industria que brinda posibilidades case infinitas de inmersión do xogador, o poder creador é total”. É máis, non só os consideran un medio máis para expresar a súa creatividade, senón que lles outorga unha posibilidade que “todas as xeracións anteriores de artistas non tiveron, a de que o espectador pase a ser parte da obra”. “E iso é algo difícil de deixar pasar”, engade Calles, o único dos catro que xa completou os seus estudos en Belas Artes e que na actualidade se atopa e Madrid tratando de facerse un oco na industria que desde cativo lle proporcionou horas e horas de entretemento. Ao fin e ao cabo, como el mesmo explica diante da cámara ao remate de Blow the Cartridge, “é obvio que a vida está difícil pero aínda hai espazo para soñar”.