DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Así o reflicte un informe do que é coautor o profesor Alberto Vaquero

Os viveiros galegos crearon 3000 empregos directos en 2009

Unha marca e asociación propias, propostas para mellorar a súa situación

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 13/01/2011
“En 2009 creáronse 3000 empregos directos nos viveiros empresariais galegos, o que demostra que os viveiros en Galicia son un instrumento que funciona e polo que se debe apostar”. Deste xeito Alberto Vaquero, profesor da Universidade de Vigo, expón a relevancia económica que están adquirindo estes niños empresariais e cuxa análise aborda co profesor da Universidade de Santiago de Compostela Jesús Ferreiro no libro Os Viveiros como Axentes de Promoción Económica e Xeración de Emprego.

A publicación, financiada pola Consellería de Traballo e Benestar, analiza detalladamente e por primeira vez a situación dos viveiros galegos, que os autores visitaron un a un ao longo de 2009. Os datos recollidos apuntan a que nestes momentos existen 22 viveiros totalmente operativos, 10 máis a piques de abrirse, e 20.500 metros cadrados de instalacións dispoñibles. Nestes niños, os emprendedores están unha media de 2 a 5 anos cun aluguer a baixo custe e servizos comúns ata a súa consolidación e saída fóra do viveiro.

Tal e como recolle o informe, que foi presentado este xoves polo presidente da Cámara de Comercio de Santiago, Jesús Asorey, e o director xeral de Promoción de Emprego, Andrés Hermida, os viveiros en Galicia son principalmente urbanos, de servizos, cunha escasa presenza de instalacións industriais ou rurais. Para sacar adiante as súas empresas, o 81% dos emprendedores galegos instalados neles solicitaron e acadaron unha subvención pública.

Contribución ao desenvolvemento local

Segundo sinala Vaquero, os niños empresariais son unha das iniciativas que máis interese están xerando nos últimos anos para relanzar a actividade económica e estimular o crecemento do emprego no ámbito local, especialmente desde a aparición da crise económica. Sen embargo, advirte, “para que as súas accións teñan impacto, os viveiros teñen que ser instrumentos para a xestión de proxectos empresariais que aporten riqueza, pois non se trata só de crear un lugar onde se instalen as empresas durante un breve espazo de tempo a un custe reducido e sen que realicen unha contribución ao desenvolvemento local”.

Con este obxectivo os autores do libro salientan a importancia de que as administracións, nomeadamente a administración autonómica, aposten de forma decidida polos viveiros empresariais, ao igual que se realiza noutras comunidades e países. Entre as medidas que propoñen destaca a creación dunha marca de viveiros de Galicia ou fomentar a asociación de todos os viveiristas para compartir sinerxías, información e abrir novas vías de negocio.